Antonio Cendán Fraga.- Tras os máis que discretos resultados electorais acadados polos nacionalistas, abriuse un tempo de crise na formación frontista. O BNG non só non foi quen de acaparar o descontento do electorado socialista, senón que sufriu un lixeiro descenso na porcentaxe de voto e unha notoria baixada de voto real. Moitos dos seus simpatizantes quedáronse na casa ou elixiron outras formacións políticas.
O resultado dos comicios do 20-N debería abrir unha etapa de reflexión dentro da organización nacionalista, antes que desvertebrarse a navalladas, xa que iso podería supoñer unha importante creba da credibilidade ante a sociedade galega. A principal pregunta que hai que facerse agora é o porqué non foi capaz de conectar co electorado descontento do PSOE que se foi, pola súa esquerda, cara a EU, malia que foi un sufraxio practicamente inútil en Galicia, ao non obter representación parlamentaria.
Pero non é tan só esa cuestión á que deben responder as hipotéticas reflexións do BNG, senón tamén por que eses máis de 30.000 electores que lle depositaron a confianza en 2008 non lle la renovaron hai pouco máis de dúas semanas. Ademais, os nacionalistas levan perdendo un significativo número de votos en cada elección dende 2005 que non parece rematar nunca. Iso debería ser unha chamada de atención aos seus distintos dirixentes, máxime cando os comicios autonómicos están á volta da esquina e nos que tradicionalmente o Bloque sempre acadou os seus mellores resultados.
Tamén é significativo que dende a época de Xosé Manuel Beiras, o BNG non fose quen de ampliar o seu espectro sociolóxico, anquilosándose no que lle foi fiel ao seu anterior líder. Baixo o seu liderado, os nacionalistas tiveran tres deputados no Congreso en 2000. Mentres, o seu chan nunhas autonómicas fora de 13 parlamentarios en 1993, coa diferenza que daquela a organización estaba en crecemento, mentres agora parece estar en retroceso.
Son moitas as cuestións que deben de facerse dende a dirección do BNG, pero entendemos que é prioritario preguntarse o porque a súa mensaxe non acaba de callar noutros ámbitos aos que os estendera Beiras. Así, os nacionalistas seguen pendentes de achegarse ao electorado rural do interior, onde podía buscar un potencial electorado que agora lle está a dar as costas. Pero para intentar achegarse a ese sector, é preciso unha profunda renovación, non só de facianas, senón tamén de discurso. Do contrario, os nacionalistas corren o perigo de morrer de pena, e non de éxito como quería Beiras.
0 comentários :
Danos a túa opinión