Manuel París.- A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), reunida en Santiago de Compostela o pasado 25 de novembro, logo de deliberar sobre as candidaturas presentadas, acordou por unanimidade outorgar o Premio Xornalístico Diego Bernal 2012 á veterana xornalista galega Pilar Cernuda.
A Xunta Directiva considera que Pilar Cernuda, ao longo da súa carreira, superou sobradamente o cumprimento de todos os requisitos de historial profesional e perfil humano que se consideran necesarios para merecer este recoñecemento. De feito, o galardón da APG valora a traxectoria de toda unha vida dedicada ao exercicio da profesión xornalística, que no caso de Pilar Cernuda é ampla e desenvólvese con recoñecido éxito en prensa, radio e televisión no ámbito español, dando así unha proxección aos profesionais galegos, condición da que esta xornalista sempre se amosou orgullosa publicamente.
O acto de entrega celebrarase, como xa é tradicional, o 24 de xaneiro de 2012, festa do Patrón dos xornalistas. O Premio Diego Bernal -que este ano acada a 17ª edición- foi outorgado anteriormente a outros profesionais galegos de recoñecido prestixio, como Pepe Domingo Castaño, Manuel Martín Ferrand, Perfecto Conde, Gerardo González Martín, Angel Botana, José Manuel Rey, Alfonso Sánchez Izquierdo, Santiago Rey ou o colectivo de xornalistas vascos.
Pilar Cernuda (Santiago de Compostela, 1948) estudou Xornalismo en Madrid e iniciou a súa carreira profesional en 1975. Durante anos correspondeulle o seguimento das actividades da Casa Real; máis adiante, trasladouse a Nova York desde onde exerceu de correspondente do diario ABC. Nos seguintes anos traballaría en Radio Nacional de España, a Cadea COPE e Televisión española, tanto no espazo de entrevistas Centros de poder (1994-1995), xunto a Julia Navarro, como no informativo matinal Los desayunos de TVE.
Especializada en información política, nos últimos anos seguiu a colaborar en distintos medios, tanto escritos como de radio e televisión. Participa no faladoiro do programa Herrera en la onda e tamén no programa de Carlos Alsina de Onda Cero (cadea á que se incorporou en 1993) e nos programas de televisión Espejo público de Antena 3 e Alto y claro e Madrid opina de Telemadrid. Ademais escribe na revista Cambio 16 e no diario La Razón. Tamén dirixiu a axencia de noticias Fax Press ata a data do seu peche, en setembro de 2009.
0 comentários :
Danos a túa opinión