Fermín Bouza.-
O Xefe Superior de Policía de Valencia, o señor Moreno, considera "o inimigo" aos menores de idade do Instituto Luís Vives de Valencia que se manifestan pola súa calefacción e polo ensino público, que hai que defender da desfeita dos actuais xestores do estado. Con máis razón aínda dos xestores da súa sucursal valenciana, un prodixio de boa gobernanza. En fin, para que insistir nisto. Botar á policía é un apaño, e ás veces un apaño impresentable, pero sempre un apaño cando a situación está tan deteriorada como en Valencia, onde chegaron a cortar a luz a algunhas institucións, creo lembrar que municipais.
A xente fórase esquecendo da policía co paso dos anos desde o franquismo, pero a crise económica volveu sacar ás forzas de orde pública á rúa. Teño todo o respecto posible por elas, pero creo que non funcionan ben de todo e que precisan unha reorientación técnica e política. Son iguais en todo o mundo, pero nuns sitios están mellor preparadas que noutros para afrontar o estilo de manifestación co que aquí se atopan. Están mal adestradas, enrédanse en parvadas e perden o sentido da súa actuación, que acaba a puro pau cando se poñen nerviosos uns e outros e a estratexia xa non existe.
Déronme algunha malleira inesquecible na miña afastada mocidade primeira, rodeándome varios deles (estaba eu só naquel momento, sen facer nada relevante), sacándome o abrigo que me defendía un pouco o corpo e atizándome até asustarse e meterme no jeep Santana que usaban, botando sangue a litros. Desviáronme o tabique nasal dun porrazo intencional e vin á miña nai á porta da comisaría, agardando o jeep (alguén a avisou).
Sempre me preguntei por que aqueles canallas mandados por outro canalla redomado, que dera a orde, me viñeron buscar aquel día en que eu andaba un pouco descoidado, fóra de foco, e da asemblea que se celebraba. Tiña outras preocupacións da mesma índole, pero outras. Quizá hoxe non sexan así, é probable, e quizá hoxe, a base de intervir pouco, cando o fan fano con algunha torpeza, privilexiando o pau sobre o obxectivo legal e claro de recuperar unha rúa para o tráfico ou algo así.
O comandante da forza que me agrediu daquela estúpida e cruel maneira foi, xa en democracia e co PSOE, coronel xefe da Policía Nacional. Nada foi en balde, con todo. Quizá eran outros tempos, pero a crise... Hai que coidarse. A ninguén compensa ir máis aló das súas atribucións e facerse inimigos. Con ser bos profesionais é suficiente, porque o carteiro sempre chama dúas veces. E ás veces tres.
0 comentários :
Danos a túa opinión