Saudade no campus

Fermín Bouza.-

Na Universidade en xeral, supoño, pero sen dúbida na miña, que é a UCM, reina unha desolación non moi ruidosa en forma de tristeza de corredor, pasos rápidos, cabeza algo máis baixa que o habitual e pouca conversa. Non hai recursos, e as débedas colocan a contabilidade nunha situación difícil ou extremadamente difícil,  coma se estivésemos a ser castigados pola impertinencia de non estar baixo o mando dalgunha bota sectaria, xa me entenden.

Todo indica que este trato é o preludio do fin, e que máis axiña que tarde estruendosos liberais porán ese fin á liberdade. Entón, pasaremos a engrosar a lista de negocios produtivos. Os pobres, para a casa. As clases medias, a pagar. As altas a algún centro exclusivo para que aprendan que o estado (o diñeiro de todos) non debe pagar nada a ninguén, e menos aos que non poderán devolvelo dalgunha maneira. Diso vai todo.

A investigación na universidade comeza a ser unha utopía, a docencia, cada vez máis cargada, unha pesadez irrelevante. A Sociedade do Coñecemento, unha parvada. Era un erro de prognóstico: en realidade estamos na Sociedade da Desolación. O 29 farei folga, non queda outra. Ou iso ou desaparecemos.

26 de mar. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión