Manifesto a tres mans


Dous motores de tempos distintos para un Novo Proxecto Común

Por Xurxo Martínez González, David Rodríguez e Manoel Santos.-

Nestes meses de treboada política acumuláronse diferentes opinións e moitos rexoubes, en ocasións insubstanciais, para o artellamento dun proceso político en marcha. Como tal movemento en obras precisa das achegas, individuais e colectivas, que fornezan elementos de debate concretos na procura de botar os alicerces do Novo Proxecto Común. 

Os que isto escribimos sabemos que non estamos a descubrir nada que non se diga aquí e acolá. Recollemos ese murmurio, que de tan repetido comeza a ser enxordecedor, para botalo á esfera pública coa finalidade de converterse nunha panca que accione o debate colectivo. 

Propomos rozar na ramalleira informe que é o intre de creación de calquera organización e diferenciar dous espazos con dinámicas de seu. Dous espazos interconectados pero a distinta velocidade. Dous carrís en paralelo que nos leven cara a constitución dun movemento nacional, con base protagónica na cidadanía activa, que sexa quen de se expresar na esfera política con actores, actrices e un guión común xurdidos dun escenario estritamente asembleario que agrome dende as localidades e se espalle polo país enteiro. 

Reparemos na imaxe dunha zanfona na que os dedos deben, por unha banda, deslizarse con axilidade polas teclas para que soe a melodía mais na que esta só se produce, pola outra banda, co xirar moito máis pausado, menos espectacular e rimbombante, do manubrio que, con constancia, acciona a outra man. 

Como se fósemos tanxedores de zanfonas debemos imaxinar este proceso. Xebremos o que é a elaboración dunha candidatura de consenso (máis vistosa, amiga de focos e apurada polas datas) do que é a conformación dunha nova e renovada expresión política (máis subterránea, traballosa e de tempo pausado). Unha e outra manteñen unha relación biunívoca e neses vencellos cómpre poñer o acento. 

A alianza electoral é unha urxencia para frear o desmantelamento do ben común e do minguado poder público e tamén unha referencia necesaria para quen desexe traballar, sexa cal for o seu nivel de implicación, no horizonte das posibilidades e das alternativas concretas. Responde a un intre histórico. Probablemente, nos anos pasados non sería unha fórmula válida, nin sabemos se o será na mesma cuadratura do mañá. Estamos obrigados a termos unha idea ampla das candidaturas que dea unha resposta concreta ao neoliberalismo que está a minar os dereitos e as economías dos máis. 

Consideramos que a amplitude desa alianza táctica vai dende a socialdemocracia cara á esquerda, nun abano xeneroso composto por diversas sensibilidades. Hai un límite temporal (a convocatoria das autonómicas) que reclama unha celeridade non por iso transmutada nun cheque en branco a determinadas maiorías ou aceptación pasiva do que digan as cúpulas. 

A conformación das asembleas é urxente, e desde aquí facemos un chamamento a que en cada lugar do país a cidadanía, que considere necesaria a converxencia na defensa dos ataques que estamos a sufrir, comece a autorganizarse constituíndose en asembleas nacionalistas, cidadáns, ou do nome que cada grupo decida soberanamente. Este proceso precisará, por parte de todos e todas, dunha atención ben demorada, fóra de lindes temporais e de condicionantes mediáticos. O poder das asembleas constitúese dende abaixo e coa implicación dos seus axentes. Que ninguén agarde a construción dun movemento e dunha nova cultura política como un suceso ao chou, que veña dado, que estea ditado mentres nós copiamos coa cabeza agachada mirando para o papel. 

Un guión escrito dende a cúpula, que conciba as asembleas como o lugar onde debemos aplaudir coas orellas, non concorda cos principios de construción de abaixo a arriba. Mais tamén, calquera xesto público das organizacións, deberá recoller a pluralidade (incluído o arredismo) que se está a producir arestora nas bases e que excede a catro siglas. 

Cremos necesaria unha rexeneración que emana da experiencia da ocupación das prazas e da lectura da política como un exercicio desprestixiado. Hai que introducir novas prescricións que abrangan dende a revogabilidade e a subordinación dos cargos electos ás asembleas até a blindaxe do poder de decisións nas bases, dende o obrigado compromiso constante (e non só puntual e interesado) cos procesos asembleares até a fraternidade como cultura política, ao cabo, dende a democracia participativa á implicación do pobo mediante o traballo. Por iso, pensamos que a nova ferramenta política que se constrúa para as vindeiras eleccións debe facer pública e expresa a súa vinculación ás asembleas e debe asumir o seu carácter de medio para levar ás institucións os mandatos daquelas. 

Non entendemos a vindeira expresión emerxida das asembleas unicamente cal se fose unha sigla. Comprendemos o nacionalismo e a esquerda real como un movemento ancho que recolla os distintos eidos de actuación. A panca política é a expresión nas institucións de todo ese movemento pero é parte igual e horizontal aos movementos sociais. 

Observamos un anaco do pobo ateigado de ilusión e que cre necesario elaborar un novo voceiro que evite e corrixa as eivas doutras experiencias. Hai que reflexionar en comunidade, repasando os vellos postulados e introducir ideas chegadas doutros ensaios. Precisamos erguer un altofalante mediante a afirmación dun programa e non por medio da negación do outro. Isto non é un axuste de contas. 

O peche deste proceso resulta unha incógnita. Non cremos nos dixomedíxomes nin no prexuízo como argumento político. Pensamos que non se pode construír o común coa mentalidade do porteiro de discoteca que, arbitrariamente, escolle quen entra e quen non entra ao club. O resultado final responderá á participación da cidadanía, ao seu protagonismo activo, e non á creación dende arriba dun receitario pechado e inamovible. O difícil é enfrontarse ao debate, á argumentación e á exposición pública do pensamento político. Primeiro deamos a batalla e despois decidamos se o desenlace resulta óptimo ao baremo particular. Toca arremangarse, poñer a funda e traballar.

24 de abr. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión