Redacción.-
O director xeral da Mariña Mercante, Rafael Rodríguez Valero, acompañado do director de Salvamento Marítimo, Juan Luís Pedrosa, e do alcalde da cidade, José María González Barcia, presentou o pasado día 19 as obras da que será nova sede da Capitanía Marítima de Burela (Lugo). Tamén visitaron as obras do novo edificio, fronte á praia de Penoural, e explicado no Concello os detalles das futuras instalacións.
O Ministerio de Fomento destinou 2,2 millóns de euros á construción desta nova sede na que se buscou a funcionalidade e transparencia dunha Administración aberta aos cidadáns. O edificio terá forma trapezoidal sobre unha superficie de 1.360 metros cadrados.
Polas súas características, desenvolverase en tres alturas. Na planta baixa situarase a área de servizos xerais, o despacho e rexistro de buques, titulacións e inspección marítima. Na planta alta situaranse a secretaría, a área de seguridade marítima, a sala de cartas náuticas, o salón de xuntas e o despacho do capitán marítimo.
A que será nova sede da Capitanía Marítima de Burela atópase nun lugar desde o que se pode controlar o fondeadeiro e a canle de entrada ao porto. Pola súa localización no recinto portuario e centro urbano, satisfai as necesidades marítimo-administrativas dos cidadáns, o crecente tráfico marítimo e dá unha resposta adecuada aos factores e circunstancias que conforman as súas competencias.
Paso importante
O Ministerio de Fomento, a través da Dirección Xeral da Mariña Mercante e da Capitanía Marítima de Burela, exerce a súa xurisdición, no ámbito da mariña civil, sobre as augas litorais da provincia marítima de Lugo. Dela dependen, á súa vez, os Distritos Marítimos de Ribadeo e de Viveiro.
As novas instalacións de Burela representan un paso importante de modernización con vistas a procurar a utilización eficiente dos recursos a pé de peirao e unha posibilidade de aproveitamento das sinerxías existentes entre as Administracións relacionadas co mundo da mar. En Burela xestiónase unha das máis significativas frotas pesqueiras de toda España. Así, en 2010 descargáronse 26.000 toneladas de peixe, cuxa facturación ascendeu a 63 millóns de euros.
Os estaleiros existentes no porto de Burela desenvolven unha importante actividade de construción e reparación de buques pesqueiros e remolcadores, tanto para armadores nacionais como estranxeiros.
Datos biográficos
O novo director xeral da Mariña Mercante, Rafael Rodríguez Valero, naceu en Xixón en 1948. Doutor en Mariña Civil, licenciado da Mariña Civil en Máquinas Navais pola Universidade da Coruña e Máster en Dereito e Negocio Marítimo e Xestión Portuaria (Shipping Bussines) pola Universidade Politécnica de Cataluña. Foi inspector do Lloyds Register's of Shipping, así como inspector de empresa mixta de Chile, con distintas responsabilidades na xestión económica e empresarial. A súa traxectoria docente iniciouse na Escola Superior da Mariña Civil en Barcelona. Desde xaneiro de 1999 exercía como profesor titular na área de Máquinas e Motores Térmicos da Universidade da Coruña, formando parte da súa Xunta de Goberno e do Claustro, así como director do Departamento de Enerxía e Propulsión Mariña desta Universidade. O director da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima, organismo dependente do Ministerio de Fomento, Juan Luís Pedrosa, naceu en Lugo en 1955, é capitán da Mariña Mercante. Foi alcalde de Pontevedra desde o ano 1995 ao 1999, tamén estivo á fronte da Delegación da Consellería de Pesca en Pontevedra e da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia na década dos 90.
0 comentários :
Danos a túa opinión