Os Camiños da Chaira na poesía


Redacción.-

Vilalba acollerá o vindeiro venres 11 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro Os camiños da Chaira na poesía, unha antoloxía poética de autores chairegos do século XX coa imaxe dos nosos CAMIÑOS na lembranza, como expresión literaria e sentimental das propias emocións. A edición, numerada, foi preparada pola Equipa de Normalización Lingüística do I.E.S. Basanta Silva (Vilalba) en apoio á declaración dos camiños do Norte como patrimonio mundial pola UNESCO. As imaxes foron cedidas polo Instituto de Estudios Chairegos.

No acto intervirán: Pepe Legazpi, director do IES Basanta Silva; Javier Bañobre, vicepresidente da ANPA; os profesores José-Luís Novo Cazón e Ricardo Polín, e o presidente do IESCHA, Manuel Castro Santamariña.

Aínda que as institucións locais non se teñan implicado o suficiente e mesmo os territorios afectados non sexan conscientes da importancia deste evento, o certo é que neste intre a UNESCO está a revisar a candidatura conxunta apresentada polos gobernos da cornixa cántabra (Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e La Rioja) para que os chamados “camiños do Norte” obteñan este ano a proclamación oficial como Patrimonio Mundial e, por ende, o seu recoñecemento como as vías a Compostela máis antigas do mundo. A iniciativa é consecuencia do acordo tomado hai un ano polo Consejo del Patrimonio Histórico Español, de tal xeito que o Estado español concorreu en 2012 coa candidatura dos Caminos de Santiago del Norte de la Península, incluíndo o Camiño da Costa que se adentra pola Terra Chá, o Camiño Primitivo por Lugo, o Camiño interior vasco, a Rota lebaniega e o camiño navarro “do Baztán”.

Dado que a UNESCO valora especialmente o compromiso dos diferentes sectores sociais co elemento patrimonial obxecto de protección, a Equipa de Normalización Lingüística do Instituto Basanta Silva de Vilalba veu traballando desde hai ano e medio nun proxecto cultural e educativo que divulgase e avalase esta candidatura, facéndoo desde a consideración dos camiños tradicionais como itinerarios de carácter espiritual que propician o encontro do ser humano consigo mesmo e o cultivo das emocións na procura dun sentido para a vida, un camiño interior que atopa o seu eco na voz dos poetas chairegos do século XX a través dunha fermosa antoloxía onde a palabra se confunde coa imaxe dos nosos CAMIÑOS na lembranza, expresión literaria e sentimental en prol da que colaborou o IESCHA con fotografía antiga de escenas camiñeiras e vellas calzadas na xeografía chairega de outrora.

Un proxecto nado en Vilalba e que no seu momento xa permitiu humanizar con poesía dos camiños a rehabilitada rúa Porta de Cima, paso da rota xacobea Norte pola capital da Terra Chá. Un pequeno fetiche que algún día servirá para conmemorar o día en que os camiños do Norte gozaron da máis alta distinción, incluíndo un coidado limiar sobre o histórico vincallo existente entre o mundo das letras e os camiños de toda a vida, tamén o complexo vieiro polo que transitou secularmente a nosa lingua. (R. Polín)

9 de maio de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión