Xulio Xiz.-
Hoxe teño a dor de corazón de despedir a un veciño, a un compañeiro, a un amigo: Bernardo García Cendán, crego, sociólogo e escritor. Para os do meu tempo, Bernardo do Severino.
O Severino e a Maruja eran seus pais. Vivían na casa que esta ao lado da igrexa, na praza, co adro de por medio. E o Severino era perruqueiro no máis céntrico do pobo, e alí se daban cita para cortar o pelo, para afeitarse, pero sobre todo para conversar, numerosos vilalbeses que atopaban no Severino axeitado contertulio e oficiante nunha tertulia interminable onde se falaba do divino e máis do humano.
Naquel clima dialogante e curioso por todo o relativo a Vilalba e as súas xentes medrou Bernardo, e alí aprendeu a razonar, a dialogar, a investigar, a relacionarse con todos.
Eu tiven unha proba directa de cómo funcionaba aquela vella tertulia cando hai uns anos, Bernardo me agasallou cun traballo feito por min hai agora algo máis de medio século. Como eu me manifestei incrédulo de que puidese posuir un orixinal así que eu descoñecía, entregoumo publicamente dentro dun acto organizado pola Asociación Xermolos. E contoume a historia: Un dos asiduos á tertulia do Severino era profesor na Academia, e cando eu fixen un traballo de redacción que lle gustou, gardouno e levouno á tertulia como exemplo do que facía un dos seus alumnos. Gracias ao profesor, ao Severino e a Bernardo hoxe –coma nun viaxe no tempo- conservo a miña primeira andaina no fermoso mundo da escrita.
Bernardo era así: amigo fervoroso, entregado, atento, delicado, humanista vilalbés para o que nada humano e nada vilalbés lle era alleo.
Xa na madureza dos dous coincidimos nos mais diversos lugares: en tertulias da antiga Televisión de Lugo, tendo el alumnos da miña familia, sendo os dous membros do Certame Benxamín Paz ou no Certame Literario de Vilalba, sendo tertulianos na Ser e – xa que logo- faladores semanais en Radio Popular de Vilalba onde Bernardo falaba con Antón, amigo imaxinario, co que percorría pola noite as rúas vilalbesas, silenciosas, recónditas, en ambiente perfecto para pensar e vivir coa imaxinación en calquera outro tempo.
O crego Bernardo loitou duramente contra as miserias que sufrían os seus feligreses no Ferrol; foi un crego moderno, dos que renovaron o que puideron (o que lles deixaron) da Igrexa que herdaron, e nunca se foi dela, pero aprendeu a vivir unha vida libre dedicado a ensinar socioloxía –humanidade- que el perfeccionara no Paris do 68, e contribuiu á formación de milleiros de estudantes como persoas tolerantes, pacíficas e libres, sempre contra corrente, sempre coa paz na boca, nos ollos e nas mans, sempre coa ledicia e a liberdade no corazón.
Fóisenos Bernardo na tarde do martes, canso de loitar contra un inimigo traidor que asentou no seu corpo con mala fe e moi malas maneiras. Á súa beira, a familia, e o desfile incesante de amigos. Agora que xa é historia comezamos a sentir a súa ausencia de home bo, xeneroso e de paz.
A súa lembranza debe darnos forza para seguir camiñando e vivindo coa modestia e sinxeleza, coa sinceridade e a paz con que Bernardo o fixo.
Said
Meu mais sentido pesame para sua familia e amigos