O Día das Letras 2013, a Vidal Bolaño

R.A.G.-

O Plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o día 22 de xuño de 2012, acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2013 a Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002).
Así mesmo, acordou nomear académico de honra electo a Arcadio López Casanova e académicos correspondentes a Xosé Manuel González Herrán, Luz Méndez, Fernando Ramallo Fernández, Olivia Rodríguez González, Goretti Sanmartín Rei e Xavier Vence Deza.

Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002)
Trátase dunha figura imprescindible para comprender a dimensión do Teatro Galego e, xa que logo, do noso sistema literario. Desde aqueles inicios nos anos setenta, coa mítica Xeración Abrente, ata o ano mesmo da súa morte, a produción literaria de Vidal Bolaño é constante e sempre orientada a armar un edificio teatral galego perdurable. Só uns meses antes do seu pasamento, no número 50 da revista A Trabe de Ouro publicouse o texto do seu monólogo "Sen ir máis lonxe", que Méndez Ferrín cualificou como o seu testamento dramático. Ese mesmo ano a Real Academia Galega nomeouno Académico Correspondente.
É indiscutible a importancia da figura de Roberto Vidal Bolaño para o teatro nacional galego. Aínda que morreu novo (52 anos), Vidal Bolaño é, sen dúbida, o dramaturgo máis prolixo da historia da nosa literatura; mais non é só a cantidade da súa obra a razón da súa importancia, senón as múltiples calidades que os seus textos achegan durante toda a súa actividade.

A produción de Roberto Vidal Bolaño caracterízase por un irrevogable compromiso coa lingua galega, pois estamos ante un autor radicalmente monolingüe, que contribuíu á definitiva instalación do teatro galego na nosa lingua. Ademais, hai na súa obra un inequívoco compromiso estético. Todos os estudosos coinciden en salientar a súa constante preocupación pola experimentación, por dialogar coa tradición culta e popular, literaria e histórica, social e política. Vidal Bolaño non é só un autor imprescindible para o noso sistema literario, senón que é considerado un dos dramaturgos europeos máis importantes do último cuarto do século XX.

E con todo e achegar un currículo dramático inmellorable, o dun profesional que viviu sempre apegado ós escenarios, traballando en case todos os ámbitos da produción teatral, desde a dirección á iluminación, Vidal Bolaño non é soamente un home de teatro. Foi tamén un excelente actor e un dos pioneiros da produción audiovisual en Galicia (sempre dicía que en realidade el quixo ser director de cinema). O seu traballo como director e como guionista, aínda que non chega á dimensión do seu labor dramático, tamén merece unha consideración especial polas liñas que deixou trazadas para o desenvolvemento dun campo audiovisual galego que se expresase na lingua propia e dialogase co resto dos nosos campos culturais.

Por enriba de todo, Roberto Vidal Bolaño foi un extraordinario escritor. Fixo literatura dramática a consciencia, con vontade de intervir no sistema literario galego, de dialogar con outras obras e autores, de apoiarse nos nosos clásicos (como Rosalía, Otero Pedrayo ou Cunqueiro, por exemplo) e na obra dos seus contemporáneos. Súa foi a translación aos escenarios do Percival de Méndez Ferrín, por exemplo, ou do Xelmírez de Cortezón ou da Rosalía de Otero Pedrayo. Era un escritor consciente da pertenza da súa obra a un sistema literario rico e dinámico, en constante desenvolvemento.

A súa obra merece ser revisitada nos escenarios e especialmente nos textos, porque coma os grandes autores de todos os tempos, Roberto Vidal Bolaño foi quen non xa de describir o seu tempo, senón, sobre todo, de transformar a súa época. O teatro galego sábeo ben, e con el, o noso sistema literario.

25 de xuño de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión