Xulio Xiz.-
Nos meus tempos mozos era forzosa costume ir á igrexa os primeiros de
mes, domingos e festas de gardar, e ata aos rosarios diarios, que a
devoción imperante marcaba costumes e calendarios.
Daquela as igrexas enchìanse con xente maior e máis nova, e se na cidade
había o costume de ir en familia aos cultos, nas aldeas existía a
necesidade de turnarse para seguir atendendo a facenda, e á misa dos
domingos asistía alguén de cada casa, ou varios, pero sempre quedaba alguén
facendo a comida e atendendo ao gado.
A igrexa era o punto de reunión da parroquia, e o adro lugar de xuntanza
alomenos semanal onde se facía repaso puntual e exhaustivo de todos os
acontecementos dos que se tiña noticia.
Este aspecto sigue aínda vixente, e parroquias hai – por exemplo, os
Milagros de Saavedra- onde a misa diaria concita a reunión da maior parte
dos maiores da parroquia, chegando media hora ou unha hora antes para os
conseguintes parrafeos no adro parroquial.
Estas visitas ás igrexas das que falo son as normais, de xentes que
acuden movidos pola fe ou pola xuntanza. Pero hai outras visitas, non
previstas, a destempo, que fan os amigos do alleo pensando que nas igrexas
van encontrar botín sustancioso en tempos de economía problemática.
As igrexas da Terra Chá teñen sufrido ben visitas destas, nocturnas e
violentas, buscando recaudacións ou imaxes, o que motiva que se tomen as
medidas oportunas, aínda que non sempre sexan do agrado dos veciños e mesmo
dos responsables da decisión correspondente.
Parece que os responsables destes intentos de roubo nas igrexas non están
moi ao tanto do que ocorre nos templos, xa que as recaudación das misas,
que case nunca son moi sustanciosas é costume que alguén da parroquia as
leve para custodialas ou ingresalas nunha entidade bancaria. E as imaxes,
cando son valiosas, case sempre están na casa dalgún veciño custodiadas
para evitar precisamente a súa desaparición.
A pesar diso, os cacos seguen entrando ou intentando entrar nas igrexas,
causando danos máis costosos que o que poden roubar, provocando unha
sensación de inseguridade á que haberá que poñer coto nalgún momento aínda
que sexa con solucións que agora non se nos ocorren.
A vixiancia con cámaras, é costosa; as alarmas, por estar en lugar
aillado, non funcionan; as pechaduras por moi complicadas que sexan acaban
rebentadas... Pero aínda así, algo haberá que inventar para conseguir que
as igrexas non sigan sendo visitas por indesexables.
En tempos, era impensable que unha igrexa puidese ser obxecto dun roubo.
Na actualidade, esquecidos os prexuizos relixiosos ou sociais, son o
obxectivo máis directo dos amigos do alleo.
Sempre se dixo que os españois iamos detrais dos curas, ou en procesión
ou perseguíndoos. Polo que ás igrexas se refire, e atendendo a estes casos
extremos, pasamos de ir ás igrexas a rezar a ir roubar nelas. Moito
traxecto é este para recorrelo en tan pouco tempo.
0 comentários :
Danos a túa opinión