Xurxo Martínez González.-
Dentro da anormalidade cotiá en que vive Galiza, é frecuente atoparmos exemplos en que o cliente fala galego e o vendedor contesta en castelán. Un erro comercial pois o “cliente sempre ten a razón”, tamén lingüística. Acontece o mesmo cando acudimos a algún organismo público e o funcionario parece non comprender, se cadra esqueceu, o dereito que temos a que nos falen no idioma propio desta terra.
Nestes casos, as persoas que temos conciencia coa lingua galega rogamos que nos falen en galego. Facemos ben porque cómpre lembrar que existimos, non somos reliquias dunha reserva para turistas ou investigadores nunha tese sobre culturas en perigo de extinción.
Porén temos o pernicioso costume de non sermos igualmente consciente á hora de consumir en galego. Porque é posíbel beber e xantar en galego. Basta con reparar no idioma do etiquetado do produto.
Hai iniciativas que abren furados de luz para o galego. Menores e pouco difundidas, pero existentes. Iniciativas que abrollan dun traballo antergo, dos que van devagar colocando as baldosas para asegurar o camiño fronte a outras que con tanto flash e “photocall” acaban sendo rodapés nun traballo universitario anos despois.
Sexamos exactos: hai quen traballan calados para tecer un país en galego en diferentes niveis e extractos fronte os que traballan con grandes proclamas, vistosas imaxes e fastosas galerías que son admiración dun día para de súpeto expirar. O importante, na miña opinión, é que calquera acto, proposta ou declaración que se faga teña unha repercusión no futuro e non quede nun sinxelo brinde ao sol por moitos aplausos que reciba nunha hora.
Galiza é unha terra viva en viños dende os tempos de María Castaña. Son moi recoñecidos alén fronteiras. Son merecentes de premios e galardóns internacionais. Dende as pequenas ás grandes adegas. Dan futuro á vida rural. É un sector económico relevante. E agora resulta que tamén etiquetan en galego (arredor do 75% da produción) e xuntáronse para conformar a Irmandade Galega de Adegueiros.
Neste vindeiro 25 de xullo, Día da Patria Galega, fagamos un uso consciente no consumo de produtos galegos e en galego. E cando ao mediodía vaiamos tomar un viño cos camaradas, amigos ou familiares, pidamos unha botella etiquetada en galego. E se imos organizar un xantar fraternal nun restaurante ou no monte, solicitemos viños etiquetados en galego. Exerzamos de galegos e galegas no consumo porque logo de nada vale laiarnos que o idioma desta terra esmorece.
Pidamos un ribeiro, un mencía, albariño ou garnacha tintorera que falen galego. Para os que non teñan referencias das adegas consulten este catálogo do 2008: http://www.galeguizargalicia.com/archivos_editor/file/A%20Fala%20dos%20Vi%C3%B1os%202008www.pdf.
Se cadra algún día conseguimos un anaco de normalidade cando nos poñan un viño galego e en galego cando berremos: “póñame unha fecha de viño, xefe!”.
0 comentários :
Danos a túa opinión