A mirada dos espazos


Redacción.-

O pasado día 5 inaugurouse en Ribadavia a exposición A mirada dos espazos. Camiño dunha antropoloxía visual, no que se considera un importante paso que o Museo Etnolóxico de Ribadavia (MER) dá na súa andaina polos terreos da imaxe e da fotografía. Cunha vontade de recuperar e difundir puxeron o seu traballo, ao longo de dous anos, numerosas persoas e institucións. Por iso o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, asegurou no acto que "esta mostra lle achega ao visitante a ollada da realidade dun conxunto de fotógrafos que capturaron, con maior ou menor consciencia, con vocación social, artística ou historiográfica, anacos da vida do seu tempo".  Xunto co conselleiro de Cultura e Educación, tamén participaron na cita o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego; e o xefe do Servizo de Coordinación da Área Cultural en Ourense, Gerardo Pumar.

Un relato etnográfico a través da imaxe

A exposición constitúe un relato etnográfico a través de distintos autores e dos seus obradoiros no que asoman ámbitos e espazos da vida social, descritos e interpretados nesta ocasión como textos que suxiren, insinúan e falan.

Amais de acoller "Imaxes de Galicia e Álbums para o reencontro. Ribadavia e os ribadavienses", e das publicacións editadas sobre o mundo da imaxe, o MER pretende proxectar con esta exposición unha ollada etnolóxica máis sistemática sobre os espazos visibles da sociedade que a imaxe fotográfica mostra ou, en ocasións, oculta.

É intención do museo ribadaviense recoñecer o labor realizado por Benito Losada, un colaborador do Museo particularmente sensible ao ámbito etnográfico e á dimensión etnoantropolóxica da fotografía; unha figura que foi quen de promover na provincia de Ourense o interese polo retrato como fenómeno social e cultural e que motivou dende hai anos a participación do Museo no Outono Fotográfico.

Fondos fotográficos na colección do Museo Etnolóxico

Os arquivos fotográficos do Museo Etnográfico de Ribadavia, dependente da Consellería de Cultura e Educación, están conformados por varios tipos de fondos. Por unha banda, dentro do programa "Álbums para o reencontro. Ribadavia e os ribadavienses", achamos as doazóns achegadas pola cidadanía, que conforman un rico conxunto de imaxes arredor do álbum familiar. Por outra banda, tamén podemos atopar arquivos procedentes de estudios fotográficos e depositados no museo, nos cales se atopan series referentes a aspectos sociais, políticos, tecnolóxicos, urbanísticos etc. e tanto en ámbitos rurais como urbanos, constituíndo unha fonte para o coñecemento de aspectos concretos da práctica profesional a través do tempo que abarcan cada un deles.

Un terceiro tipo é aquel constituído por imaxes fotográficas procedentes de depósitos ou doazóns da totalidade do arquivo dun particular ou dunha institución, que permite seguir a historia do titular de orixe e o ámbito social no que aquel se insire. Finalmente, o museo tamén documenta con regularidade eventos de interese para os seus fins que integra nun fondo de produción propia, para presentar aos fotógrafos que teñen obra na colección do Museo Etnolóxico.

9 de set. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión