Democracia de man alzada

Tita Somoza.-


Cando era pequena, coñecín a primera forma de democracia: a da rúa. Na Ferrería, a opción de xogo con máis mans alzadas conseguía a victoria. Pura maioría. Non tiñamos máis condicionantes que a nosa diversión e sentiamonos certamente libres para escoller o noso destino inmediato. Aquelas votacións funcionaban como unha polis chairega na que todos eramos cidadáns de dereito.

Despois, a vida fíxome ver que esa experiencia pouco tiña que ver coa democracia real, na que as opcións eran moi limitadas, na que a importancia dun voto dependía do lugar onde fora exercido. E a aquela realidade uníronselle os mercados, dos que só venden miseria, e vimos como países rompían en horas principios polos que os seus antergos morreran en dúas guerras mundiais. A crise económica facía tambalear as bases dunha democracia que eu cría sólida.

Naquel momento decateime do abismo que separa aos políticos e á sociedade. E da certeza saíu a reflexión. Nesa crecente división, algo debiamos estar a facer mal a miña caste, a dos xornalistas, cando non eramos quen de fomentar esa responsabilidade de coparticipar activamente na construcción da nosa democracia futura. Cando non conseguiamos que ambos bandos, partidos e sociedade, confluiran en debates conxuntos.

Non quero volver a aquela democracia de man alzada da miña infancia, pero gustariame, por un segundo, recuperar a cordura infantil das nosas tardes de verán. Que prevalecera nun debate público no que todos, políticos, cidadáns e medios de comunicación, participaran en igualdade de condicións. Cadaquén no seu papel pero todos respondendo a unha mesma pregunta: “E esta tarde, a que xogamos?”

26 de set. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión