Enquisas a esgalla


Fermín Bouza.-

Pregúntanme pola enquisa de La Voz de Galicia e resúltame complicado comprender e explicar unha enquisa que eu non fixen e que non procede dalgún centro, consultora ou institución que eu coñeza a fondo.

A enquisa de Sondaxe é un clásico das eleccións galegas e aproxímase moito aos resultados con algunha frecuencia. As enquisas non foron feitas para iso nin serven obxectivamente para adiviñar o futuro: son a penas un instrumento descritivo do presente, no mellor dos casos. A impresión agora é de que se dá a mellor estimación posible para o PP. O que se utiliza como estimador de voto marca a estimación.

Sería estraño que nun momento tan nefasto e con moita xente radicalmente enfrontada ao PP, este amplíe a súa diferenza e volva ter maioría absoluta. Non é o normal nin o canónico nin o agardado, pero non esquezamos que o xefe da investigación sobre o Códice Calixtino dixo dos galegos que eramos como o ladrón: rariños. Hai que ser moi rariño para volver a esnafrarse no mesmo pozo sen fondo. Pode ocorrer. A campaña é central e o despregamento ha ser formidable.

11 de set. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión