Festival Music Way en Compostela


Redacción.-

Manic Street Preachers e The Hives serán os cabezas de cartel do festival Music Way, que terá lugar o 28 e 29 de setembro no recinto feiral de Amio (Santiago de Compostela), segundos e anunciou hoxe na rolda de prensa na que participou a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O Music Way completará o seu cartel coa banda internacional The Courteeners, a española Layabouts e as galegas Heredeiros da Crus, Holywater, Maryland, The Cornelius e Munich a un prezo único para as dúas xornadas: 19,99 € + gastos de xestión. Como novidade deste ano, o Music Way contará cunha ampla programación dedicada aos máis pequenos que terá lugar o sábado 29 de setembro pola tarde na Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia. Unha programación que se completa cunha oferta lúdica para os máis cativos que se desenvolvera a tarde do día 29 na Biblioteca de Galicia.

O cartel do festival foi presentado esta mañá na Cidade da Cultura por Farruco Castromán, director do festival e xerente da produtora responsable do evento, Zircozine. Acompañárono no acto María Pereira; e José Luis Fernández, director de Comunicación de Gadisa, outro dos patrocinadores do evento xunto cos demais patronos da Fundación Gaiás. "O cartel do Music Way estará encabezado por dúas espectaculares bandas de rock: os combativos e incombustibles Manic Street Preachers o venres 28 e os enérxicos The Hives, o sábado 29", anunciou Castromán.

Os galeses levan máis de dúas décadas regalándonos algúns do mellores himnos do rock alternativo británico. A Santiago virán cun novo disco baixo o brazo: National Treasures (Columbia 2012); unha compilación dos mellores singles da súa carreira que inclúe auténticas pezas mestras do rock de guitarras, como If You Tolerate This Your Children Will Be Next, Suicide Is Painlesss, Motorcycle Emptiness, La Tristesse Durera, A Design For Life, You Love Alone Is Not Enough, You Stole The Sun From My Heart ou This Is The Day. Temas que brillan como nunca nos seus intensos directos. Xunto aos Manic Street Preachers pasarán polo escenario do Music Way o venres 28 o grupo británico de indie rock The Courteeners, que contan con Morrisey entre os seus admiradores; os lucenses Holywater, unha das mellores bandas de rock feito en Galicia; o grupo vigués Maryland co seu extraordinario directo; e algunha sorpresa máis.

Cartel galego e internacional

O sábado 29 será a quenda dos suecos The Hives, un dos principais responsables do rexudir do garage-rock no século XXI. A banda que revolucionou o panorama musical en 1997 co seu álbum debut, Barely Legal, regresou este verán á primeira liña co seu novo traballo Lex Hives, disco no que volve reinventarse sen perder un gramo de potencia con temas tan pegadizos como Go Right Ahead e Come On!. O seu son enérxico estará acompañado do regreso do grupo máis emblemático e descarado do rock en galego: Heredeiros da Crus. Os autores de éxitos como Que jallo é, Íscalle Lura ou Non quero nada de ti están de volta para dalo todo no seu vixésimo aniversario. O cartel deste segundo día complétanno os madrileños Layabouts; as vellas melodías rock de The Cornelius e os vigueses de Munich.

Programación infantil

O Music Way establece este ano unha dobre conexión: co público infantil e coa Cidade da Cultura de Galicia a través dunha programación especialmente deseñada para os máis pequenos da casa. "O sábado 29 de setembro, de 16 a 20 horas, a Biblioteca de Galicia acollerá concerto, obradoiros e toda unha lista de actividades dedicadas a contaxiar aos máis novos do espíritu da música", explicou a responsable de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira.

O programa, totalmente de balde, inclúe as actuacións do grupo infantil Mamá Cabra para animarlle a tarde aos máis pequenos artellando divertidos xogos e animadas cancións. Para os afeccionados á cultura urbana, o Music Way trae uns auténticos especialistas na arte do street dance, con coreografías espectaculares a ritmo de hiphop: Brodas. E para pechar este cartel, Alondra Bentley regresa ao Gaiás con novo traballo baixo o brazo: un disco con cancións que escribiu para nenos: Alondra Bentley sings for children, It's Holidays.

O Music Way contará, ademais, con todo un programa de actividades e obradoiros cos que achegar os nenos ao mundo da música: un obradoiro para futuros dj, outro de composición musical en directo a través do ordenador, un de customizar camisetas e mesmo un espazo para aprender a construír instrumentos musicais reciclados. A oferta de actividades complementarase cun obradoiro de fotografía musical, un karaoke, o visionado de curtas e a instalación dun instrumento de percusión moi especial: o Aquófono.

Abono de 19,99 € + gastos de xestión

O abono de dous días para asistir ao Music Way xa está a venda a 20 euros máis gastos de distribución. Os puntos de venda son a Rede Ticketmaster (Halcón Viajes, Carrefour Viajes, FNAC, Gong Discos e Tiendas Tipo) e Novagalicia Banco. Ademais, en Santiago de Compostela poderán adquirirse na Cidade da Cultura de Galicia, A Reixa Tenda e Pub A Reixa; en Coruña en Discos Noni’s; en Pontevedra no Hiper Froiz; e en Vigo en Discos Elepé. En Ourense, as entradas están dispoñibles en Peggy Records; en Lugo en Don Disco e en Vilargarcía de Arousa no Hiper Froiz. Para máis información: www.musicway.es.

21 de set. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión