Fernández Paz gaña o XI Premio Facer País

Redacción.-

A Asociación Cultural Val de Láncara escolleu ao escritor Agustín Fernández Paz como gañador do XI Premio Ramón Piñeiro Facer País, polo seu "decidido compromiso" con Galicia e coa lingua galega. Así o informaron este venres o secretario da asociación cultural, Carlos López, e Xurxo Rodríguez Lozano, do C.P.I. Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao, nunha rolda de prensa que se celebrou no Consello da Cultura en Santiago.

O xurado deste premio, que elixiu a candidatura de Fernández Paz entre as 45 presentadas, destacou a "innovadora e longa obra narrativa" en lingua galega do escritor, así como os "numerosos premios obtidos" en diversos países. Así mesmo, evidenciou o seu "decidido compromiso con Galicia e coa lingua galega", o que o leva a mostrar actitudes dunha decidido defensa dos valores propios" da Comunidade, "aínda que isto supoña a renuncia a satisfaccións de carácter persoal".

"O desenvolvemento da súa peripecia vital e profesional no ámbito educativo e a sinxeleza do seu carácter, sempre alleo a xestos e actitudes personalistas e de autocompracencia, fano merecedor de ser considerado un dos 'bos e xenerosos' que, co seu labor constante de calado, están "a facer país" e ensinan a "facer país", explica o xurado.

O Premio Ramón Piñeiro Facer País entrégase anualmente a persoas ou entidades que se distinguiron polo seu defensa da cultura e da lingua galega. O primeiro premiado foi o intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo, quen foi lembrado este venres polos responsables do premio tras o seu falecemento. Ademais, tamén tiveron palabras para outro premiado recentemente falecido, Avelino Pousa Antelo. Nos seus 11 anos de vida, o premio recoñeceu ademais o labor de persoas como Xosé Manuel Beiras, Luz Pozo Garza, Xosé Neira Vilas ou Luís Tosar, así como de entidades entre as que se atopan o grupo Milladoiro ou o xornal A Nosa Terra.

O galardón, que non conta con dotación económica, entregarase nun acto popular en Láncara que, aínda que aínda non foi fixado definitivamente, terá lugar despois das eleccións autonómicas do 21 de outubro.

19 de set. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión