The Jayhawks o día 27 na sala Capitol


Redacción.-

O ciclo de concertos Galicia Importa, patrocinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, retoma en setembro a programación da súa quinta edición co concerto que a banda norteamericana The Jayhawks ofrecerá o vindeiro día 27 na Sala Capitol de Santiago.

The Jayhawks Ademais, o cartel de outono conta con outras tres actuacións confirmadas ata o momento: Mavis Staples, o 6 de novembro tamén en Compostela (Auditorio de Galicia); e Therapy? e Saint Etienne, os días 15 e 16 de novembro, respectivamente, en Vigo (Mondo Club). As entradas para estes catro novos concertos de Galicia Importa están xa á venda a través da web www.servinova.com, o teléfono 902 504 500 e a rede Ticketmaster.

O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad patrocina, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), esta iniciativa da produtora viguesa Sweet Nocturna, que desde 2008 sitúa Galicia no mapa da distribución europea de figuras de recoñecemento internacional en moi diferentes estilos.

De feito, estas catro novas citas veñen a ampliar o repertorio estilístico desta edición, que deu comezo o pasado mes de marzo cos concertos de The Jon Spencer Blues Explosion en Compostela e de Thurston Moore na Coruña. O folk-rock de The Jayhawks, banda de Minneapolis que a crítica sitúa entre as más influentes no seu xénero; o soul de Mavis Staples, recoñecida como unha das lendas vivas da música negra estadounidense; o hard rock dos norteirlandeses Therapy? e o pop electrónico do trío londiniense Saint Etienne súmanse á variada oferta do ciclo, consolidado xa como referente dentro da programación de música contemporánea en Galicia.

Primeira actuación en Galicia da formación orixinal

The Jayhawks ofrecerá na Capitol a súa primeira actuación en Galicia trala reagrupación do seu núcleo fundacional: Mark Olson, quen abandonara a banda en 1995, Gary Louris e Marc Perlman. Xunto con Tim O’Reagan e Karen Grotberg, tamén membros habituais da formación, gravaron o disco Mockingbird Time (2011), oitavo álbum de estudio de The Jayhawks que presentan agora en directo.

A crítica concédelle á banda de Minneapolis un destacado lugar entre os grupos de referencia do rock americano das últimas dúas décadas, pese a non teren acadado un rotundo éxito comercial. O de Santiago de Compostela será un dos catro concertos que protagonizarán en España no mes de setembro, durante o que tocarán tamén en Barcelona, Madrid e Bilbao como segunda entrega da xira europea que comezaron no primeiro semestre do ano.

23 de set. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión