Redacción.-
A Asociación de Escritores en Lingua Galega abriu o prazo de matrícula para as V Xornadas de Literatura de Tradición Oral, organizadas pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG co patrocinio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e a colaboración da AS-PG.
Coordinadas por Antonio Reigosa e Isidro Novo, celebraranse os días 19 e 20 de outubro baixo o lema Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, co obxectivo e revisar os avances que as novas investigacións foron achegando sobre este amplo tema. Terán lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
O programa das Xornadas pode consultarse nesta ligazón.
Os obxectivos previstos son:
Identificar os seres míticos mouras e mouros como expresión simbólica singular da cultura popular galega e doutras culturas populares.
Identificar o pouso destes seres míticos na toponimia, orografía, nos xacementos de interese arqueolóxico e, en xeral, na memoria cultural colectiva.
Analizar o vencello da nosa mitoloxía popular coa nosa historia, nomeadamente os relatos de mouras e mouros coas manifestacións culturais das épocas prerromana e romana.
Compresión do poder da narración oral como sistema básico e imprescindible de comunicación cultural.
Capacitar o profesorado para comprender e transmitir os valores da nosa cultura e da nosa mitoloxía popular, así como a súa potencialidade para a educación en valores e a integración do alumnado procedente doutras culturas.
0 comentários :
Danos a túa opinión