Despois das eleccións



Paulo Naseiro.-

Rematada a xornada electoral, a festa democrática dá paso a un novo Parlamento definido pola ampla maioría absoluta do Partido Popular, a debacle do PSdG e BNG, e a sorpresiva entrada, con nove deputados, da Alternativa Galega de Esquerda liderada polo veterano Xosé Manuel Beiras.

As análises políticas apuntan a que o electorado galego validou a política espartana do PP no goberno central desde o comezo da lexislatura, e entenden a victoria popular como un refrendo do que queda por vir.

Sen embargo, os datos apuntan outras claves que quizais merezan unha análise máis pormenorizada. De entrada, as forzas que obtiveron representación parlamentaria tiveron case 308.000 votos menos que nas eleccións de 2009, o que representa unha caída de case un 20% de apoio electoral. Se a elo sumamos o incremento nun 75% do voto nulo e en branco, que chega, sumado, aos case 76.000 sufraxios, ven a confirmarse que unha parte non desprezábel do electorado está a dar as costas á política actual.

O Partido Popular, se ben resulta gañador indiscutible, rexistra un descenso de 135.493 sufraxios desde as anteriores eleccións. Parece evidente un certo desapego expresado na perda dun 17% dos votos recollidos nas eleccións de 2009. Se cadra débeselle apuntar ao PP o mérito dunha caída menor, porcentualmente, á de outras opcións, pero farían ben nos cuarteis populares en preocupárense dun resultado que dista de ser todo o bo que se presume. Se o PP acadadou a maioría absoluta débese, máis ben, á debacle de PSdG e BNG e non tanto a un referendo sobre as políticas de austeridade.

Os socialistas sufren unha derrota sen ningunha clase de paliativos. Perden pouco menos da metade dos votos obtidos en 2009, acadando concretamente 230.817 sufraxios menos. É evidente que resulta consecuencia de diversos factores entre os que destacan o desencanto producido pola última lexislatura do PSOE no goberno central ou o escasísimo atractivo dun candidato case improvisado. O PSdG obtivo o segundo peor resultado da historia autonómica, só un punto por diante das eleccións de 1981. Aos socialistas galegos agárdalles a partir de agora un arduo traballo se non queren afundirse na irrelevancia.

O BNG, a alternativa natural do PSdG na esquerda galega, retrocede a niveis dos anos 90, ao perder 125.000 votos, acadando, como no caso dos socialistas, pouco menos da metade do resultado de 2009. O Bloque entrou hai meses nunha crise que o deixou reducido a pouco máis que a veterana UPG. A organización non soubo valorar a importancia da espantada dun líder como Beiras nin a necesidade de orientar o discurso, no medio desta crise, en clave máis social que nacional. O BNG precisa dunha fonda autocrítica previa a unha redefinición programática se quere recuperar apoio popular, se ben é complexo que a organización, agora despoxada de case toda heterodoxia, afronte tal debate.

Nos últimos días de campaña apalpábase no ambiente a sorpresa de AGE, se ben ninguén chegou a adiviñar a súa dimensión. A suma de Beiras, unha recua de ex-BNG, independentistas da FPG e máis unha exígua EU, cosidos a última hora e sen financiación electoral nin espazo nos medios públicos, cunha campaña centrada exclusivamente nun líder de setenta e seis anos percorrendo até o último recuncho de Galiza en pequenos actos públicos, constitúe a sorpresa destas eleccións, recollendo sen dúbida moito descontento cos partidos tradicionais. O 14% dos votos e 9 deputados son un resultado brillante para unha organización que chegou a superar ao PSdG en cidades como A Coruña e Compostela. Dá que pensar o que podería ter conseguido se dispuxese de máis tempo unha coalición armada a última hora, coas eleccións xa convocadas. Con todo, hai que preguntarse “e agora que?”. Como vai funcionar a mestura de nacionalistas diversos e esquerdistas non nacionalistas liderados por Beiras? En todo caso, o histórico líder nacionalista, reforzado por un resultado histórico, promete unha lexislatura ben interesante.

Un último dato relevante. A diferenza entre dereita e esquerda, sumadas todas as opcións, é de a penas un punto a favor da dereita. Nas eleccións de 2009 o mesmo 1% separou ambos lados do espectro, naquela ocasión a favor das candidaturas de esquerda. A sociedade galega segue case simétricamente dividida pola metade, fronte á enganosa percepción dun abrumador dominio conservador.

22 de out. de 2012

1 comentários :

  • A dereita e a extrema dereita ao concurrir xuntas as eleccións reciben un trato de favorable en forma de escaños gracias a inxusta lei D'Hont,mentras que a esquerda divididas sofren o correspondente castigo pese a que en número de votos suman case as mesmas, ou máis, papeletas.

    23 de outubro de 2012, 19:03

Danos a túa opinión