Cacerolada pola piscina de Vilalba

Redacción.-

Os usuarios e usuarias da piscina municipal de Vilalba convocan unha concentración de protesta e unha cazolada para denunciar a situación na que se atopa, coa empresa xestora en concurso de acredores, e o seu cadro de persoal sen cobrar case medio ano.

Todo indica que estas importantes instalacións deportivas, que son usadas a diario por xente de tódolos concellos da contorna, acabarán pechando se o concello non fai nada por evitalo. E polo que estamos a ver, o Concello non emprendeu ningunha acción que apunte cara á solución desta problemática.

Por todo o devandito, os usuarios e usuarias da piscina municipal de Vilalba, concentraranse para protestar por esta situación diante da casa consistorial e, de paso, expresar o seu apoio diante da difícil situación pola que están a atravesar os traballadores e as traballadoras da piscina.

Terá lugar o vindeiro mércores, 19 de novembro, ás 19:30 horas, e animan aos participantes a levar potas, tixolas e cazolas para armar un gran rebumbio e chamar a atención dos políticos e políticas que deberían estar a traballar para solucionar este problema.

17 de nov. de 2014

1 comentários :

Danos a túa opinión