A alma navalleira do diñeiro





Fermín Bouza.-


A noticia de onte foi a detención de Díaz Ferrán. Queixouse tanto dos que traballan, botoulles tantas culpas dos seus propios desastres como empresario, que este final de acto ou quizá de obra resulta pedagóxico: tampouco el se axustou á ortodoxia legal deste capitalismo que vai virando cara á pura especulación e non deixa a calquera subirse a ese tren de urxencia. Sobran empresarios.

Prepárense nese gremio para a reforma empresarial que están a preparar nas covas financeiras. Virán por onde non os esperan, e acabaran quedando co seu á menor fenda legal. No mellor dos casos vostede quedará libre con catro céntimos no peto. No peor, faranlle o que a este ex-presidente dos empresarios do reino de España: ao cárcere e a calar.

É certo que Ferrán tiña moitos pecados na súa alma contable, pero hainos peores e mandan moito. O que veu despois del aplaudiu e pediu con entusiasmo a inútil reforma laboral: acabaranlle aplicando a reforma empresarial se non é capaz de rendibilizar esa ineficaz reforma laboral. As finanzas non teñen corazón e levan unha navalla na liga, que para iso son finanzas, en feminino.


Defender e comunicar a democracia

Di Josep Ramoneda que O capitalismo non está en perigo, a democracia si, e esa creo que é exactamente a peor cara da situación dramática que estamos a pasar. Os perigos a que está sometida a liberdade en xeral e a liberdade política en particular vémolos todos os días nos actos de forza dos gobernos contra os seus pobos, e estes actos de forza (incumprir todas as promesas electorais, roubar á cidadanía a través dunha banca venal e moi encanallada polas peores maneiras do mesmo capitalismo, corromperse co diñeiro público de forma reiterada e escandalosa, etc.) teñen como resultado o incremento da desafección política e a negación da democracia.

Se os gobernos conculcan a democracia case por principio, e o pobo nega a democracia como consecuencia desa conculcación, a democracia está sometida a un dobre fogo do que non sairá viva. Non así o capitalismo, que acabará gañando no medio do caos e ofrecendo aos pobos unha nova oportunidade de que se deixen tourear convenientemente. Ou iso ou o final, e xa se sabe o dura que é a apocalipse.

Celebraba o PSOE o trinta anos da vitoria histórica do 82: non queda nada daquel espírito de fondo, daquelas gañas, daquel entusiasmo. A falta de traballo teórico e o oportunismo sen principios dalgúns dos seus dirixentes de todo nivel acabaron con aquilo. Ninguén defendeu ao PSOE de si mesmo, ninguén coidou das súas ideas substanciais, ninguén cortou polo san cando comezaron a ocorrer cousas raras. Hoxe ese partido segue purgando os seus oportunismos conservadores e a súa mala cabeza.

Aínda non vin unha reflexión seria sobre o novo papel da socialdemocracia, e tampouco as autocríticas coñecidas me convencen moito. O da súa pésima comunicación non é un problema: que pode comunicar nesas condicións?

4 de dec. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión