Ramón Chao.-
Certo día de primavera de 1955 dixéronme en París que no peródico France-Soir saía un anuncio de Radio Francia solicitando un colaborador para os seus programas cara a España e América Latina. Interesoume moito pois intuín que se trataba do que popularmente chamaban "Radio París", emisora antifranquista que o meu pai escoitaba ás agachadas no faiado da casa. A máis dun levaron ao cárcere por iso. Querían a alguén que soubese español, francés e música. Co francés non tiñan problemas; supuñan que en dous anos de estancia en París xa podería telo aprendido, sobre todo despois de frecuentar varios meses a Alianza francesa ata que conseguín unha finlandesa que choraba cando cunha man lle tocaba a suite Karelia de Sibelius.
Presenteime pois a unha proba. O tribunal, que só sabía francés, deu por bos o meu castelán e portugués disfrazado de galego que falaba de ouvidas. En cando á música, toqueilles a cursileira O Lago de Como coa mesma mestría que despregase ante Fraga Iribarne.
Estaba feliz. Polos estudos de gravación pasaban Alejandro Casarón, Max Aub, Dolores Ibarruri, o padre Olaso e outros escritores, pintores e políticos que coñecía polo meu pai, ata que un día chegou o cubano Severo Sarduy, raparigo de vinte e dous anos moi saleroso e coñecido en Cuba polas súas relacións cos gusanos.
Eu dirixía os programas. Indicáballe ao técnico cando e a quen tiña que abrir e pechar o micrófono, controlar a marcha do reloxo para non quedarmonos curtos nin pasarnos e medir a entrada das frases orquestrais que seleccionara para subliñar as accións do texto.
Ao rematar, pasáballe unha folla de presenza aos participantes para que a enchesen cos seus datos persoais e cobrasen certa cantidade aos tantos días.
De súpeto vín que Severo estaba a escribir por onde non debía:
-Non, Severo; has de pór os teus datos pola parte dianteira.
- Ai, mozo! É porque teño o costume de facer as cousas por detrás...
Aí comprendemos os gustos e actividades de Severo; aínda que talvez se tratase máis que nada dunha declaración de amor.
Días despois coincidimos ambolosdous na entrada do ascensor que subía ao piso vinte e catro. Entramos e Severo arrinconoume no fondo; logo apertou en todos os botóns para que o ascensor se fose parando en todos os andares, e púxose a tocarme polo corpo. A pesar dos meus rexeitamentos, insistía en abrirme a bragueta.
- Non grites, mozo, que vas armar un escándalo!
Demasiado tarde. Todos se decataron, pero fixeron a vista gorda.
0 comentários :
Danos a túa opinión