A problemática do tren

Xulio Xiz.-
Estes últimos días temos actividade diversa en Begonte e en Rábade, preto
de Vilalba. En Begonte, co Belén Electrónico e en Rábade co tren. En
tempos, eran o mesmo concello.

O tren foi o tempo a salvación de vellos pobos, chegando o descreído
Curros a consideralo o Cristo dos tempos modernos. E Rábade fíxose pobo
gracias ao cruce de estradas e á estación do tren, constituíndose o centro
dunha comarca na que Vilalba quedaba plenamente incluída, e mesmo Vilalba
quixo ter estación propia nunha liña de tren cara á costa, pero nunca puido
ser. E as estacións de tren de Vilalba foron dúas: Rábade e Baamonde,
unidas as dúas por estrada coa nosa vila. E Rábade consegue ser concello,
unha vez  que se independiza do concello de Begonte. Que Begonte tiña tamén
estación, pero Rábade gañou a partida.

Os tempos pasan, as vellas estradas asfáltanse, fanse máis anchas,
enderéitanse, constrúense autovías e autoestradas, e millóns de
automovilistas escollen o xeito preferente de viaxar, esmorece o tren, e o
que antes foi elemento de progreso convértese nunha rémora para o progreso
dos pobos.

En Lugo o barrio da estación quedou anquilosado desde hai medio século.
En Rábade, o pobo está partido en dous por unha vía férrea que hoxe non
aporta case nada a un pobo que segue a ser cruce de camiños, especialmente
por contar cunha saída directa da autovía entre Lugo e A Coruña. Da
Estación de Begonte, xa non falemos, por case inexistente.

Para atravesar Rábade, hai que dar voltas importantes, optándose polo
camiño máis directo de cruzar pola vía, co conseguinte perigo para os
peatóns. Por iso, a Administración de Infraestructuras Ferroviarias anda a
establecer altas verxas que pechen a vía ós viandantes, e os rabadenses
téñense declarado en pé de guerra para que a partición existente non se
faga moito máis ostensible e problemática. Hai, si, unha pasarela elevada,
pero é vella, difícil de utilizar polos maiores, imposible para quen
precise rodas ou muletas. E os rabadenses queren mellor solución para o
cruce entre os dous Rábades que a vía divide que unha valla de separación.

Así están as cousas. En tempos, suspirábamos polo tren. Agora, o tren é
un estorbo. Poucs cousas chegan a Rábade en tren. En tanto, a Begonte
seguen chegando os visitantes do Belén, exclusivamente por estrada. E mesmo
os Reis Magos, que noutros lugares chegan en tren, a Begonte viñan chegando
estes anos en carros de bois do país. Polo visto, nunca van chegar en tren.
E menos con valla.

8 de dec. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión