Manuel Bragado.-
A Casa da Cultura de Vilalba quedou pequena para acoller ao centenar longo de persoas que participaron na presentación d’ O rastro que deixamos e do nomeamento de Agustín Fernández Paz como socio de honra do Instituto de Estudos Chairegos. Tras a fermosa e completa semblanza que do autor realizou Manuel Castro Santasmariñas, Isabel Soto, a editora do libro, conversou con Agustín sobre os temas principais dun libro construído sobre dúas trabes, a memoria da infancia, e polo tanto a memoria da Vilalba dos anos cincuenta do século pasado, e a reflexión sobre o oficio de escritor. Un libro no que como editor sei que está o Agustín máis xenuíno, máis próximo e entrañable. Nestas páxinas d’ O rastro que deixamos está o ADN do fillo de Antoania e Antonio, o que fixo das Fontiñas o centro do mundo.
Como xa fixera na presentación de Vigo, Agustín salientou que para todas as persoas «a infancia é esencial xa que é cando descubrimos o mundo», para expresar despois a importancia que tivo para el As Fontñas, o seu barrio, como Vilalba, a súa vila, os seus primeiros círculos concéntricos, lembrando que «todo lugar, toda vila é Macondo se se sabe contar». «A memoria, felizmente, é traidora, non é un rexistro fotográfico. Hais cousas que se esquecen e outras que se deforman. Como hai outras se sempre se lembran. Este é para min o caso da señora Xenerosa «A capadora» que viña quentarse á cociña da miña avoa. Contaba contos de medo que para min continúan sendo excepcionais. Outrosí sucede co cesto de Beti cheo de tebeos. Son fíos de memoria cos que un escrtior constrúe o o seu mundo. Neses fermentos están os fíos da vida que logo utiliza na súa obra». Logo relatou como descubrira a lectura da man do seu pai. «Meu pai e toda a súa familia lían moito. O tío Se tiña un baúl cheo de novelas, un feito que recollín en varias das miñas ficcións. Meu pai tiña unha biblioteca, dous andeis de libros, onde me aprendeu o devezo de ler. Son escritor grazas ao meu pai que me meteu este devezo de ler, que logo, anos máis tarde, me levou ao de escribir». Foi emocionante o relato de Agustín de como coñeceu ao escritor Álvaro Cunqueiro. «Foi na carpintaría familiar encargando unhas caixas para uns capóns que comprara para enviar a Néstor Luján e outros comellóns de Barcelona. “Este señor é don Álvaro Cunqueiro”, dixérame meu pai. Grazas aos libros de Cunqueiro, que o señor Crende prestáballe ao meu pai, descubrín que había libros en galego». Outras cuestións abordadas na conversa con Isabel Soto foron as referidas o oficio de mestre de Agustín, como membro dunha xeración de ensinantes «que quixemos facer unha escola democrática e íntegra», así como os seus inicios no oficio de escribir. Despois, a conversa estendeuse ao público, rematando o acto co nomeamento de Agustín como socio de honra do IECHA e cunha longuísima sesión de asinaturas. Un serán para a memoria dos que alí estabamos.
Publicado orixinalmente en http://bretemas.com/onte-463-en-vilalba-con-agustin/, baixo licenza Creative Commons (CC BY-NC 3.0.
0 comentários :
Danos a túa opinión