Tripas e reviravoltas da crise
Fermín Bouza.-
A crise foi amosando as reviravoltas dunha Europa desestruturada en mans das grandes financeiras e os seus axentes locais sobre o terreo. Unha Europa na que ninguén quere dicir o seu verdadeiro nome e agóchase tras a máxica palabra "Europa" coma se así todo puidese valer e rodar e caer sobre as nosas cabezas de cidadáns aparvados no medio desta crema pastosa de diñeiro, ineficiencia e indecencia.
Agora xa sabemos algo máis: a señora Merkel, que primeiro convenceu aos seus cidadáns de que España é culpable, ou Italia, ou quen sexa, agora trata de que o castigo exemplar a estes países sexa visualizado dalgunha maneira por ese corpo electoral do país que afundiu a nosa banca, afundiu a súa propia, rapiñou canto puido e deixounos sen un can e en coiros vivos no medio do camiño da nosa vida, que diría o Dante, que todo o sabía.
Agora meteunos nunha insá estratexia de recuperación, moi lonxe da canónica (Xapón, USA), e isto prolongará o noso sufrimento, os nosos recortes e as nosas ganas de castigar a alguén moi en serio. Ninguén medianamente formado nestas cousas defende unha vía así, que cada día que pasa ensina máis a cara ideolóxica e distánciase máis e máis da ciencia económica, con frecuencia en mans de xentes sen principios e dispostas a beneficiarse da pobreza allea.
As economías, nesas mans, acaban así: cando non é posible seguir munxíndoas polo normal múnxeas a través dunha crise. Sempre se munxe en beneficio dos mesmos. Para evitar isto, naceu historicamente a esquerda. E debe notarse que ese pedigree segue operativo.
0 comentários :
Danos a túa opinión