25 anos do Cason
Iago Castro.-
Ás 8 do serán do día 5 de decembro de 1987 un cargueiro panameño chamado Cason, que navegaba de Rotterdam a Shangai, encallaba na fisterrá Praia do Rostro. Comezaba un dos máis vergoñentos episodios da historia recente de Galicia, quizais só igualado pola xestión do naufraxio do Prestige, quince anos despois.
A morte de 23 dos tripulantes do buque e a presenza de produtos químicos sen que se soubese cales nin en que cantidades comezan a producir alarma nas poboacións veciñas. Para complicar a situación, o gobernador civil d´A Coruña informaba que a situación estaba controlada mentres a Consellaría de Educación suspendía as clases nos centros de ensino da zona. Á volta duns días, o mal tempo botaba ao mar os bidóns estivados na cuberta do buque, que estalaban ao entrar en contacto coa agua, coa transmisión en directo da Televisión de Galicia.
Todo isto vai provocando o pánico colectivo na Costa da Morte e, por fin, o día 10 o Goberno de Felipe González decide evacuar a perto de 15.000 veciños. Ao tempo, dá comezo unha peregrinaxe dos 255 bidóns cargados con produtos descoñecidos que fora posíbel rescatar do buque. O destino inicial, o campamento militar de Santa Cruz de Parga, en Guitiríz.
Mais as autoridades non contaban coa reacción dos guitiricenses, que interceptaron o convoi, que viña protexido pola Garda Civil, colocando barricadas nas estradas e parándose diante dos camións. A oposición veciñal motivou o cambio de plans, e os bidóns foron conducidos á fábrica de aluminio de San Cibrao, primeiro, e logo ao porto de Morás, onde embarcaron con destino a Rotterdam, provocando entremedias un importante conflito laboral e a paralización da factoría da empresa Alúmina-Aluminio.
Vinte e cinco anos despois, os veciños de Guitiríz conmemoran aquela xornada de loita con diversos actos que terán lugar o vindeiro sábado, 12 de xaneiro. Na Casa Habanera de Guitiríz proxectarase, á unha do mediodía, un documental realizado por Paco Ja, e a seguir a presentación da reedición do número da revista Xermolos editado naquela altura.
Ás dúas e media terá lugar un xantar comunal no Hostal A Casilla, coa actuación dos grupos Bloquinho de Xermolos, Caivanca e Sons da Aldea e unha homenaxe a Alfonso Blanco, co nomeamento como “Veciño necesario da nosa comarca”.
Máis información: www.xermolos.org
Reportaxe do programa A caixa negra, da TVG
Parte 2
Parte 3
Parte 4
Parte 5
0 comentários :
Danos a túa opinión