A irmandade dos famentos de 1853

Xurxo Martínez González.-

En Galiza non se pide nada, emígrase. Debuxouno e escribiuno Castelao, con aquel xenio tan capaz de mesturar nunha oración cativa a expresión dun pobo bíblico que vivía (e vive) un constante éxodo. Aínda está en voga berrar: “a terra para quen a traballa” pois aquí a terra só é para quen a explota con lucro colonial mentres asistimos á despedida ao estranxeiro de moitas mentes lúcidas, necesarias para unha nación mergullada con escasas reservas de osíxeno.

Unha emisora cubana recuperaba hai pouco un episodio tráxico da historia recente: a emigración de galegos en condicións de escravismo. Non, non o digo como un tópico recorrente nin como unha hipérbole para cargar de dramatismo. Dígoo con todas as da lei: escravos en plena metade do século XIX, cando o sistema liberal español estaba asentando as súas bases, tristemente sobre cimentos conservadores, retrógrados, fortemente católicos (saudosos da Inquisición), centralista e militares. Porque o Estado español non viviu nunca unha revolución semellante á Gloriosa da Inglaterra de 1688, á francesa de 1789, ás europeas de 1848 e xa non digamos á rusa de 1917. Un estudo pausado da construción do réxime constitucional español (recomendo ler os traballos de Borja de Riquer, que engade o apartado do tratamento ás nacións emerxentes no territorio peninsular) amosa unha continuidade do Ancien Régime con diferentes alteracións pero xamais cunha forte ruptura. O máis parecido que houbo foi a revolución de 1854 que Marx e Engels estudaron dende a prensa.

Nesa época do Bienio Liberal (1854-56) situamos os feitos. O deputado por Ourense, Urbano Feijoo y Sotomayor, ofreceu unha solución á crise de 1853, chamada a “fame irlandesa”. Unha oferta que pretendía arranxar a aglomeración de xente pobre, enferma e famenta nas vilas galegas. Aqueles humillados e ofendidos fuxían das aldeas (nalgúns casos até case quedaren desertas) porque non tiñan que levar á boca. O tamén deputado, xurista e economista da Galiza irredenta, Ramón Pasarón Lastra (natural de Castropol), elaborou un informe sobre a situación galega onde narra a presenza de cadáveres nos camiños dos barretes ás vilas, de esfameados esmolando anacos ou faragullas de pan, doentes sen medicación, nenos estremecendo co frío, mulleres desesperadas ante a chegada da morte. Esta era a imaxe da Galiza de 1853, que Xoán Manuel Pintos expresou no poema que comeza: “Deitouse a fame ao longo nos sembrados...”.

Urbano Feijoo, un avarento e miserento comerciante (capitalista metido nas obras do ferrocarril) que fixo negocio a partir da desgraza humana, propuxo sacar os galegos da fame por medio da emigración a Cuba en condicións escravas. En 1854 presentou nas Cortes o tráfico de persoas, ou como se dixo “transportar trabajadores libres” (no peteiro dos miserábeis sempre se perturba a palabra liberdade) a cambio de posuír o monopolio. Así se fixo e o redactado nun papel, sempre máis bonito aos ouvidos, consumouse nunha verdadeira calumnia humanista: os galegos escravos non podían renunciar ao contrato (segundo o estatus xurídico que tiñan), obrigábanos a asinar (a eses analfabetos) a conformidade dun salario estipulado polo patrón (6 pesos mensuais, que era menor dos 20 dos escravos negros de Cuba), algúns foron vendidos a outros países etc. Esa era a saída dos esfameados galegos: cepos, azoutes, escaseza de alimentos, mal vestidos...

O negocio durou pouco grazas á presión social exercida. Pero reparemos no debate sobre o que se ergueu esta polémica actuación: era Galiza unha terra pobre? Os progresistas (cunha forte presenza nas vilas galegas) denunciaban que a fame de 1853-55 (léanse os estudos de Saurín de la Iglesia) non eran por mor unicamente das malas colleitas, senón tamén por mor dun contrato inxusto como era o foro e unhas leis gravosas. Os labregos pagaban cos alimentos o arrendamento da terra. E cando non tiñan, acudían os usureiros con taxas de xuro altísimas. Os produtos logo se exportaban ás potencias europeas, o que provocaba fortes contestacións sociais (como o soado “motín do pan”, liderado por unha muller, Dorotea Santos, na cidade de Palencia en 1856). Claro que había alimentos, como hoxe en día!, pero non eran distribuídos segundo as necesidades socias senón segundo as regras do mercado, do lucro, da exclusiva ganancia duns poucos ante a miseria e a morte dos moitos. O progresismo galego golpeou contra aquela visión (en parte supón un enorme latexar nacionalista, herdado do provincialismo e dos liberais galegos da primeira onda do Trienio de 1820-23, estudosos de ilustrados coma Sarmiento).

O citado Pasarón Lastra denuncia a mala xestión da economía, a división da terra, o abuso dos usureiros, dos foreiros e dos “mensaxeiros” encargados de cobrar os impostos. Denuncia, incluso, a condición colonial pois se pechaban empresas de salgadura tras aproveitar os recursos naturais propios para darlle prioridade a outras industrias peninsulares. O máis interesante do informe é a conclusión: creación de “Cajas de Préstamo Hipotecarios”, en todos os partidos xudiciais, para garantir o acceso a toda a cidadanía, con xuros baixos, con traballadores achegados os clientes etc.

A fame de 1853 e a posterior masiva emigración favoreceu o fomento e consolidación no maxín colectivo da irmandade con Irlanda, que xerou toda unha literatura e mitoloxía excepcional, de Ossián a Eduardo Pondal. Mais a irmandade existente é a dos brazos dados dos humildes da terra, necesitados dunha emancipación urxente como clase social e, nosoutros, como nación en forma de república galega. Canto menos, os nosos emigrantes de Cuba, como todos os espallados pola xeografía planetaria, conseguiron dotar ao ser galego un alto signo de consideración, heroicidade e valentía, como berraba emocionado Suárez Picallo en 1959, ante as masas populares. A mesma irmandade que sentiu José Martí cos galegos heroicos que combateron canda el.


10 de xan. de 2013

1 comentários :

Danos a túa opinión