Fernández Paz, Doutor Honoris Causa



Redacción.-

A Universidade de Vigo outorgará o título de doutor honoris causa ao escritor Agustín Fernández Paz e ao doutor en Química Julio Casado Linarejos, uns recoñecementos que se entregarán nun acto oficial o próximo 28 de xaneiro, o día de Santo Tomás de Aquino.

Co nomeamento de Agustín Fernández Paz, a institución académica viguesa recoñece a traxectoria dun "dos máis destacados escritores de literatura infantil e xuvenil de Galicia e España e a transcendencia das súas obras, algunhas delas traducidas a máis dunha vintena de linguas estranxeiras", indica a Universidade, que tamén destaca a achega do literato nos ámbitos da dinamización e normalización lingüística así como na pedagoxía.

Entre outros títulos, Fernández Paz é autor de títulos como 'Cartas de inverno', 'Corredores de sombra', 'As flores radioactivas', ' único que queda é o amor' e 'No corazón do bosque' e, ademais, recentemente publicou 'Non hai noite tan longa', neste caso para lectores adultos.

Tamén será investido co título honorífico o catedrático de Química Física da Universidade de Salamanca e discípulo do profesor Salvador Senet, Julio Casado Linarejos. Del, a institución docente viguesa destaca a publicación de máis de 150 artigos en revistas internacionais de primeiro impacto, a dirección de máis de 30 tese e a súa participación como investigador principal os 17 proxectos nacionais e internacionais.

Tamén realizou achegas para a creación e consolidación dunha escola de investigadores de alto nivel en Galicia, a cal, segundo explica a Universidade de Vigo, atópase moi activa na actualidade por mor da súa estancia na Universidade de Santiago de Compostela.

Pola súa banda, a tradicional entrega de Premios Fin de Carreira e de Doutoramento que se realiza no transcurso do acto de Santo Tomás, patrón universitario, trasladarase este ano a unha cerimonia que se desenvolverá na primavera.

26 de xan. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión