Redacción.- Hoxe foi o último día que saiu a rúa LV.De Luns a Venres, o
xornal gratuíto en galego do Grupo El Progreso, que reaparecerá convertido en
semanario o vindeiro 8 de febreiro, segundo unha información que hoxe difunde o
propio medio. Na mesma nota sinalase que o cambio non suporá a desaparición
da información diaria, que se reforzará a través da súa páxina web, e que a nova
publicación semanal aumentará as páxinas e a tirada, mantendo a aposta polo
idioma galego.
O Colexio Profesional de Xornalistas
de Galicia (CPXG), desexando os mellores ventos á nova travesía de LV, lamenta a desaparición do último dos xornais diarios en galego, despois de
seis anos de presenza constante nas sete principais cidades do noso país. Sobre
todo cando esa desaparición non obedece á falta de receptividade e apoio dos
lectores, xa que, segundo asegura o propio medio no seu derradeiro número,
"pechou o ano 2012 como o xornal de maior crecemento da prensa de Galicia,
segundo o Estudio General de Medios (EGM), cun 34,29% de suba, que lle permitiu
acadar os 38.000 lectores". Outros 7.000 recibían o xornal a diario nos seus
correos electrónicos.
Por último e non precisamente menos importante, o
CPXG é consciente de que unha medida como esta, por moito que se compense con
reforzos e apostas dixitais, leva aparellada despedimentos de profesionais. No actual momento
profesional, os despedimentos non soamente supoñen unha suma de infortunios
persoais, senón tamén consolidar a tendencia de ter redaccións anoréxicas, que
garantirán tarde ou cedo unha información similar.
0 comentários :
Danos a túa opinión