Pero se me dan a elixir...


Lucas Domínguez.-

Preguntábame un bo amigo, nas recentes datas de Nadal que puiden gozar en Maceda, a miña opinión sobre o feito de que toda unha xeración de xente nova, segundo din máis preparados que nunca, teña que deixar o país para traballar. Comentábamos a maiores a aparente felicidade que transmiten todos eles cando as súas personaxes desfilan por programas televisivos do estilo “Españoles por el Mundo”.

Por sorte, e nos últimos tempos por desgraza, tiven a oportunidade de ser “pirata coxo” cando aquela que eu consideraba a trama principal da miña vida “non se deixou meter man”. Até aquí nada novo que non levase tempo rebulindo no meu estómago, principalmente porque apenas teño lido un par de artigos que traten a cara B, a cara que moitos de nós ocultamos tras as mans cando as cousas non son Jauja. Difícil atoparse cara a cara cos usuarios dos albergues Robin Hood de Noruega, cos compañeiros que a diario continúan a buscar traballo en Dublín logo de media ducia de meses na que teñen gastado boa parte dos seus aforros, ou coas testemuñas da arriscada “avalancha” de españois que deciden apostar polo Paraíso Merkel e se perden na fría realidade xermana.

É por iso que máis alá do resultado final, desa televisiva felicidade finxida ou real, eu son dos que cree que o interesante do que está a acontecer con esta nova emigración é o relatorio das motivacións. Que é o que leva a unha persoa a deixar a comodidade da súa familia, do seu pobo, do seu grupo de amigos de toda a vida… e embarcarse nun camiño onde o único indicio da futura realidade é aquela que aparece nos soños.

Persoalmente son eses soños, esa esperanza nun futuro a medio prazo no que poder elixir de novo, no que volver a escribir unhas verbas da principal liña argumental, o que mantén a flote as historias secundarias que doutro xeito farían augas. Dicíalle ao meu amigo que non teño dúbidas do ben que se vive en Maceda, de que o lugar ideal para o próximo capítulo da miña historia está aí. Porén, a día de hoxe e sendo realista, iso é, simplemente, material pertencente ao mundo onírico. As opcións laborais na nosa provincia son escasas e a conxuntura económica incrementa o risco para aqueles para os que emprender é unha opción. Deste xeito a busca de oportunidades nun “máis alá”, xa sexa en Galiza, en España ou cara outros países con mercados laborais máis resistentes, recupera un vello argumento demasiadas veces repetido.

O terrible de todo é que, cando menos dende ao lonxe, non se ve nas administracións un traballo planificado para tratar de frear a situación. Máis alá dunha reforma laboral cuxos froitos quedan a vista logo dun ano de ter sido aprobada; apenas hai novas medidas para favorecer o emprendemento, fréase a aposta pola investigación tanto no sector público como privado, os servizos públicos de emprego continúan a estar ao marxe das necesidades empresarias e, o que é peor, non hai unha definición clara de cara onde avanzar, unha aposta por sectores nos que o país podería ser competitivo…

Namentres moitos de nós, dende a distancia, buscamos a inspiración necesaria para continuar a trama principal das nosas vidas, aínda que polo de agora sexa apenas para engadir novas vidas ao catálogo do poeta Sabina, pero se me dan a elixir…

Unha canción: La del pirata cojo de Joaquín Sabina (Letra).

16 de xan. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión