Asociación Roberto Vidal Bolaño


Redacción.-

O vindeiro martes, 5 de febreiro de 2013 preséntase no Teatro Principal de Compostela a Asociación Roberto Vidal Bolaño, asociación que naceu a finais de 2012 co obxectivo de promover a figura e a obra do autor dez anos despois da súa desaparición. O colectivo inicia así de xeito simbólico o seu traballo no ano de Vidal Bolaño e abre as súas portas a todas as persoas que desexen formar parte da asociación.

O pasado mes de xuño, o Plenario da Real Academia Galega (RAG) decidiu a dedicación do próximo Día dás Letras Galegas, en maio de 2013, ao santiagués Roberto Vidal Bolaño.

Roberto Vidal cumpre este ano o décimo aniversario do seu falecemento, condición necesaria para a súa candidatura á homenaxe. A inmediata asignación do Día dás Letras Galegas con respecto ao cumprimento do requisito suxire o interese que suscita a súa figura na literatura galega do século XX. Así o confirma a propia RAG, ao considerar no seu comunicado a este autor como "imprescindible non só na nosa literatura, senón tamén na dramaturxia europea do último cuarto do século XX".

O autor galego de 2013 morreu con cincuenta e dous anos no seu Santiago natal, vítima dun cancro de pulmón. No seu curto transcurso pola terra deixou un importante legado no teatro galego, en labores tan variados como autor, director, escenógrafo, actor e iluminador. Foi un "home de teatro", un personaxe esencial no desenvolvemento das Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia (Ourense) e no labor do Centro Dramático Galego. As súas obras e o seu traballo, nos que se mostra un forte compromiso coa lingua galega, e un interese polo encontro entre experimentación e tradición, o popular e o culto, foron recoñecidas con numerosas distincións. Vidal Bolaño tamén destacou no mundo audiovisual de Galicia, coa súa participación en películas e series.

"A súa obra -conclúe a RAG- merece ser revisitada nos escenarios e especialmente nos textos, porque como os grandes autores de todos os tempos, Roberto Vidal Bolaño foi quen non xa de describir o seu tempo, senón, sobre todo, de transformar a súa época. O teatro galego sábeo ben, e con el, o noso sistema literario."

29 de xan. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión