Algúns poetas ás veces

Vicente Piñeiro.-

Algúns poetas ás veces
contan como foi
o proceso de creación dos
seus poemas
e expóñeno ao público
nunha páxina Web
coma se fose
un plano xeral de urbanismo
e despois preséntano
a un concurso literario
deses que as bases din:
-Inédito, non premiado
noutros concursos
non presentado a
outros concursos
non divulgado en ningures
non lido por ninguén
non coñecido por ninguén.
Piden poemas invisíbeis
pero hai quen ten sorte
e se manda o poema
ou poemas
expostos ao público
lidos divulgados e presentados
a outros concursos
como se fose un plano
de urbanismo
gaña o premio.
Algúns poetas detallan
o proceso de escritura
dos seus poemas.
Antes para escribir poemas
chegaba unha pluma
un lapis un bolígrafo
un metro e até un taquímetro
e non era un proxecto
de arquitectura pero case.
Un poema non se proxecta
un poema brota
coma o lume na leña seca
só hai que poñerse diante
da néboa e agardar
que as sombras
se acheguen ao poeta
ou á poeta
até verlles a cara.
Os poemas non teñen proceso
de escritura só se escriben
e se o teñen
é na cabeza do poeta
na soidade do poeta
na intimidade do poeta
nos recordos nas imaxes
na vida e nas lecturas do poeta
nas vinte e catro horas do día,
no traballo diario do poeta...
A creación dun poema
non se pode compartir
é persoal e intransferíbel.
O primeiro verso dun poema
ás veces escríbeo o primeiro beixo
a primeira hostia
unha inquietude
un amor
unha guerra
unha invasión.
A algúns nolo puxo
o franquismo a maldade
a dor
as inxustizas
as ditaduras.
O proceso de creación
deses poemas comeza
pero
non se sabe se rematará
ou cando rematará.
Eses poemas non se
escriben nun ano
nin nun día
eses poemas escríbense
con sangue
con fame ás veces
con horror con experiencia.
Eses poemas non gañan
concursos literarios
porque non son inéditos
mais non estiveron expostos
ao público nunha Web
coma un plano de urbanismo-
Eses poemas foron escritos
nunha relación cálida
entre o escritor e o papel.
Eses poemas non son inéditos
porque están aí expostos
nas miserias da vida
están na picana que dicía
Juan Gelman
Na fuga da noite de Paúl Celan.
Están nas balas e nas bombas
na intolerancia
na xenofobia
na violencia de xénero
na desigualdade
na pobreza
nos campos de exterminio...
Todo o mundo os coñece
por iso non son inéditos
por iso non se poden presentar
a concursos literarios.
Pero se un poeta escribe
que as bragas de...
os labios de...
os ollos de...
o whisky de...
a festa de...,
a habitación daquel hotel
o coche que ía a...
a película porno que
se caga na nai que pariu a alguén
e seguen un proceso de
creación arquitectónica
de se a palabra esta
a deixo soa porque non me gusta
e estoutra colócoa un pouco á dereita
e estoutra rómpoa á metade
e a esta “a” córtolle o rabo
e aquí vou colgar as vocais
como se caesen dun precipicio...
Todo iso está moi ben
se os cadros que pintan as palabras
non teñen as cores moi rechamantes.
Claro que esa poesía escríbese para
adolescentes,
para pícaros que babean.
Non a leran os mendigos
nin os catedráticos
nin as putas
e se a len un pouco ás veces
é grazas a que ten algún premio literario
e se anuncia nalgún xornal –o Premio de...,
ou se exhibe antes na rúa
ou a través da ventá dun ordenador
daquela lese como se fose un anuncio
publicitario
aínda que estea colocado nun muro
de cen metros de altura
que o lemos porque non estamos cegos.
A eses poetas case sempre
lles comeza a caer o pelo cedo
son futuros calvos
sempre andan a medio pelo
teñen cara de amargados
e mala hostia.
Cando se fan maiores
son aburridos e non lle dan
a man a ninguén.
Cando lles preguntan se eles
eran aquel poeta que...,
din que teñen Alzheimer e non se lembran de nada
porque non teñen un só verso polo que ser
recordados
porque a súa poesía xamais será bandeira
da resistencia para loitar contra tiranía dalgún ditador
coma aquela sentencia de Rilke: “El resistir lo es todo”
que animou á resistencia
alamana a loitar contra Hitler,
ou coma aqueles versos que Pablo Neruda lles recitaba
ás masas oprimidas.
A poesía destes nunca loitará contra
os males do mundo
nunca denunciará
nin será arma cargada
de futuro.
Estes poemas
por moitos premios literarios que gañen
co paso dos anos
serán
coma
os
poemas
non
escritos.

21 de feb. de 2013

2 comentários :

  • Discrepo.
    Hai poemas calculados, pois os sentimentos e as ideas tal como brotan, non sempre o fan como unha fonte apolínea. A veces hai que calmar as augas dun torrente salvaxe encauzándoo nun recorrido.
    Non desmerece unha obra de Beethoven por ser feita a través dun proceso arquitectónico complexo (con planes, ideas recolocadas, temas completados en esquemas concretos) comparándoa cunha de Mozart feita dunha soa arroutada de inspiración.
    Por outra banda, a poesía planificada non ten por que ter a soa intención de gañar concursos.
    Por iso, sosteño que non se deberían relacionar os dous conceptos como inseparables.
    E para rematar, hai algo que non entendo: hai xente que publica os seus procesos poéticos antes de presentar o resultado a un certame? Non sei, non é algo habitual. Rogaría que me ensinaran exemplos... e ademáis se non é o presentado realmente, non vexo o erro. É unha forma diferente de facer poesía, nin mellor nin peor.
    Podería seguir argumentando, pero non quero estenderme no comentario. Unha aperta.

    Safo.

    21 de febreiro de 2013, 15:47

  • e por certo: resistencia alemá, non *alamana.
    Ou?

    21 de febreiro de 2013, 16:04

Danos a túa opinión