En defensa dos medios públicos


Redacción.- O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, as Asociacións da Prensa de A Coruña, Santiago e Lugo, e o Sindicato de Xornalistas de Galicia consideran que un elemento necesario para fortalecer a calidade e independencia da información ofrecida polos medios públicos é a posta en funcionamento do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos, previstos pola Lei 9/2011, aprobada polo Parlamento Galego. Tamén reclama que se poña en marcha a elección do director xeral por maioría cualificada do Parlamento e a escolla de persoas con experiencia profesional acreditada para formar parte do Consello de Administración (demanda que fan extensiva aos membros do Consello Asesor de RTVE en Galicia). Asemade, demandan a creación dun Consello do Audiovisual, existente en todos os países da Unión Europea, e que en España xa funciona desde hai anos en Cataluña e Andalucía.

Nese senso, lembran que as conclusións do Grupo de Alto Nivel (HLG) sobre Pluralismo e Liberdade de Medios de Comunicación da Comisión Europea -convocado pola vicepresidencia da Comisión Europea- establecían que todos os países da UE deberan ter consellos de medios de comunicación independentes, con competencias para investigar queixas, comprobar códigos de conduta e conflitos de interese, etc. Eses consellos deberan ter poderes de aplicación real, como a imposición de multas, a obriga de publicar ou transmitir desculpas, ou a eliminación do estatus de xornalista. Igualmente, di o HLG, “calquera propiedade pública dos medios de comunicación debera estar suxeita a regras estritas que prohiban a interferencia gobernamental, que garantan o pluralismo interno e que estean baixo a supervisión dun corpo independente que represente a todas as partes interesadas”.

Por último, o Colexio de Xornalistas, as Asociacións da Prensa, e o Sindicato de Xornalistas manifestan a súa unidade cara a defensa dos medios públicos galegos fronte os ataques de calquera signo que debiliten ou ameacen a súa permanencia e presenza na sociedade galega como garantes da defensa da lingua e cultura propios, principio para os que foi creada a CRTVG mediante a Lei 9/1984.

13 de feb. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión