A desafección política


Redacción.-

O profesor Fermín Bouza, catedrático de socioloxía na Universidad Complutense de Madrid e colaborador deste xornal, inaugurou o programa de actos de celebración do 30º aniversario d´A Voz de Vilalba cunha charla coloquio na que reflexionou sobre a desafección política na sociedade actual.

Na súa intervención, destacou que existe unha forte correlación estatística entre o crecemento do paro, a percepción da situación económica e a desafección política, poñendo de manifesto que a crise económica é un marco necesario para que fenómenos como a corrupción ou a desafección se convertan nun problema real na percepción pública.

Referíndose á corrupción, sinalou que esta existe porque a sociedade non está aínda madura para habilitar mecanismos de control. Propuxo ademais a existencia de dúas etapas na historia recente da corrupción española, unha primeira na que o obxectivo é o financiamento irregular dos partidos (casos Filesa e Naseiro), e outra na que deste financiamento xurde a corrupción individual (caso Bárcenas). Definiu este novo tipo como corrupción total, se ben recoñeceu que na España actual aínda non existe unha corrupción estrutural, aínda que existe o risco de ir cara unha sociedade-mafia.

O profesor Bouza trazou a evolución dos partidos políticos occidentais desde os partidos de masas de principios do século XX aos partidos actuais, que definiu como oficinas de xestión de ofertas políticas, máis alonxados da xente. Indicou que a desafección xurde precisamente deste alonxamento.

Criticou que esta desafección se traduza en actitudes antipolíticas, cando precisamente para a busca de solucións á crise o que se precisa é máis política.

Como remate, estableceuse un coloquio no que os asistentes plantexaron temas como a irrupción do Movemento 5 estrelas na política italiana, o papel dos medios de comunicación na fixación da axenda política, ou a existencia dunha axenda neoliberal por detrás da crise económica.

O acto, organizado por A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, celebrouse no Centro Cultural vilalbés.

10 de mar. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión