Educando en Familia

Xulio Xiz.-

Preescolar na casa foi unha aventura educativa iniciada hai trinta e cinco anos a través de Cáritas polo lucense Crego da Bicicleta, que agora ten monumento – con bicicleta incluída- en Fingoi, na entrada a Lugo vindo desde o sur da provincia.

A iniciativa tivo en Lugo e Galicia unha espectacular acollida porque en tempos que a educación do máis novos, a preescolar, só a había de pago para os privilexiados das cidades, con esta acción educativa formábase aos psis para que estes fosen os que no seu mesmo domicilio formasen aos pequenos. E así, ano a ano, milleiros de pequenos con clases presenciais de apoio, un programa de televisión, e un equipo de formadores consolidado, magnífico e o proxecto convertido en Fundación, fixeron mítica a “Preescolar na casa”.

Pero chegou o momento en que as condicións económicas evidenciaron o seu lado máis amargo, e a correspondente Consellería da Xunta decidiu que non ía seguir apoiando “Preescolar na casa”, desapareceu a iniciativa, pecharon as súas instalacións, cesaron os seus mestres, e instalacións e mobles e o mesmo nome saen a subasta o próximo 21 de marzo no xulgado do Mercantil da Capital lucense.

Que morreu “Preescolar na casa” tiñamolo asumido todos os que apreciamos o labor de tanta xente e tanto tempo, e nos doemos da súa perda como a perda de algo propio, do país, que é destacado exemplo en países do extranxeiro, e merecía mellor futuro e digno presente.

Pero se morreu o órgano non así a función, alomenos na Terra Chá e na costa, onde traballaban dúas profesoras de Preescolar que retomaron a función co nome de “Educando en Familia”, coa financiación dos concellos afectados e da Vicepresidencia da Deputación Provincial.

Os nenos de duascentas familias son atendidos por estas dúas mestras, delas arredor de medio cento de Vilalba, proporcionando a nenos que xa viñan participando e a outros que agora se achegan de primeiras a esta iniciativa, a posibilidade de que os seus propios pais se encarguen da súa primeira formación nas casas, sen ter que acudir ao colexio como farán máis adiante, e sen ter que utilizar o transporte escolar. Ou sexa: na
liberdade, no calor, dos seus domicilios.

Morreu Preescolar na Casa, viva “Educando en familia”!. O que vale é o resultado. E é reconfortante que o programa non morra de todo, xa que tan bos froitos daba. É gratificante saber que é Vilalba, precisamente, un dos lugares onde os nenos poden seguir disfrutando da preescolar na súa casa.

5 de mar. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión