Feira do Libro de Boloña

Redacción.-

As principais novidades das editoriais galegas difúndense na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña ata o 28 de marzo, a través do stand propio de Galicia.

Feira A industria editorial galega participa estes días na cita profesional máis importante de literatura infantil e xuvenil. As principais novidades galegas dirixidas ao público máis novo difúndense desde hoxe e ata o 28 de marzo na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

No marco desta feira, os profesionais do sector teñen a oportunidade de estreitar lazos e de favorecer acordos comerciais con editores, creadores e distribuidores de numerosos países de todo o mundo. Con este fin, representantes de Ouvirmos, Baía Edicións, OQO e Hércules están a traballar estes días no stand da Xunta de Galicia e da Asociación Galega de Editores (AGE). Ademais, Editorial Galaxia, Everest Galicia, Editorial Trifolium, Biblos Clube de Lectores, Kalandraka e Nova Galicia Edicións tamén están presentes no escaparate da literatura galega con diverso material. Estas dúas últimas editoriais contan, así mesmo, cun stand propio na feira.

Apoio á proxección exterior do sector editorial galego


Esta participación de Galicia na Feira do Libro de Boloña a través da Xunta de Galicia e da Asociación Galega de Editores enmárcase no apoio da administración autonómica á proxección exterior do sector editorial galego. Nesta liña de actuación tamén se inclúe a participación noutras das principais feiras do sector a nivel internacional, que este ano se amplían de tres a catro.

Ademais das tres feiras ás que se asistiu en 2012, Boloña, Guadalaxara e Bos Aires, este ano a Consellería de Cultura e Educación tamén apoiará a asistencia da industria editorial galega na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, considerada o evento mundial máis importante do sector do libro.

Coa presenza de Galicia nas citas esenciais para o sector editorial o obxectivo da Consellería é impulsar a competitividade da literatura galega no mercado internacional, de apoiar os creadores e de fomentar a innovación á hora de editar, distribuír e promover o libro e a literatura galega no exterior.

29 de mar. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión