Redacción.-
O pasado mes de xuño de 2012 finou Bernardo García Cendán, membro do Consello de Redacción da Revista Encrucillada dende os seus inicios, hai xa 36 anos. Na súa memoria, a Asociación Encrucillada edita unha nova Monografía: Unha alborada nova. Bernardo García Cendán, da que son editores Marisa Vidal Collazo, Baldomero Iglesias Dobarrio e Rubén Aramburu Molet e que presentarase mañá venres, 8 de marzo, ás 20:30 no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba.
Este libro homenaxe recolle primordialmente textos poéticos inéditos de Bernardo: cancións, oracións, poesías,... que nos revelan a Bernardo como unha persoa sensible e fondamente crente.
Acompañan aos textos a colaboración escrita de diferentes persoas que foron acompañadas na súa vida por Bernardo: Xabier Blanco Vilar, Alfonso Blanco Torrado, Marica Campo Domínguez, Xaquín Campo Freire, Xosé María Felpeto Enríquez, Agustín Fernández Paz, Susana de la Gala, Baldomero Iglesias, Xesús Mato e Mato, Manolo Regal, Andrés Torres Queiruga, Engracia Vidal Estévez e Helena Villar Janeiro, así como un debuxo de Soedade Pite feito para a ocasión e diferentes imaxes de Bernardo procedentes do seu arquivo persoal.
Amais destas colaboracións, o libro foi posible grazas á familia de Bernardo, que nos facilitou o acceso ao material inédito, ao labor de Xosé María Felpeto, amigo persoal de Bernardo que nolo achegou, e a Xesús Portas Ferro, que realizou as correccións ortográficas sendo sensible ás variacións lingüísticas de cada momento da vida de Bernardo. A maquetación é de Marisa Vidal.
A obra está estruturada nas seguintes partes:
- Primeiros escritos recolle textos do tempo que Bernardo estivo en París (1971-1973).
- Xurdirá contén letras de cancións ás que os seus amigos (Xabier Méndez Pérez, Mini e Mero e Miguel “O Tranquilo”) puxeron música.
- Pregos son versos e oracións denominadas así segundo as chamaba o poeta da Terra Chá, Manuel María.
- Renazo galego recolle as achegas de Bernardo, en forma de cancións e textos, ás Romaxes de Crentes Galegos que organiza a Asociación Irimia, da que tamén formaba parte.
- Vilalba e a Terra Chá, coordenada imprescindible na vida de Bernardo, recolle as composicións dedicadas á súa terra,
- Outros poemas contén textos de diferente traza, moitos deles dedicados a persoas amigas, froito da vea poética dun home sensible ante a vida, nos seus acontecementos e sentimentos.
- Felicitacións de Nadal, e Cartas a Antón, non sendo poemas, teñen moita poesía coa que agasallaba a amigos e radiooíntes.
- A xeito de Epílogo pechamos a obra con varias semblanzas que reflicten o oco que deixa Bernardo en quen o quixemos ben.
O libro vai ser presentado en Vilalba, o venres 8 de marzo, ás 20:00 na Casa da Cultura nun acto organizado polo IESCHA e en Lugo o martes 12 de marzo, ás 19:30 na Galería Sargadelos nun acto organizado pola Asociación Xermolos. (Encrucillada).
0 comentários :
Danos a túa opinión