Sí e non. Vivimos nun país no que o sector forestal é potencia no conxunto do Estado e sen dúbida unha referencia internacional a ter en conta. Mais, esto non é nada en comparanza co que se está desaproveitando. Producimos moita menos madeira da que seriamos capaces e aínda por riba é de mala calidade. Son varios os problemas que lastran a competitividade de Galicia neste eido a nivel mundial, pero os máis salientables son o minifundismo e a incompetencia dos nosos gobernantes por non ver o potencial que atesouran os nosos montes.
Segundo o Cuarto Inventario Forestal Nacional (IFN4) elaborado polo Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, Galicia conta cun total de 2.030.681,03 de hectáreas para uso forestal, e en concreto, o 70% desta superficie considérase arborada, mentres que o 30% restante correspóndese con formacións arbóreas moi dispersas, matogueiras ou pastizais. Este último dato entóxase demasiado negativo, polo feito que supón que o 30% da superficie de uso forestal en Galicia está literalmente desaproveitada. Se ben, cabe dicir que non todo o monte é apto para a producción de madeira, xa que é necesario ter en conta variables edafolóxicas, climatolóxicas, de acceso e por suposto de rendibilidade económica. Nembargantes este dato poderíase atenuar se contásemos cun monte ordenado que permitise cando menos influenciar naquelas variables estrictamente económicas e minifundistas. Se nos fixamos na evolución do monte ó longo dos distintos inventarios realizados ata o momento (os inventarios son elaborados cunha periodicidade de cando menos 10 anos e na actualidade o cuarto inventario recolle datos dende o 2.008) vemos que entre o IFN3 e o IFN4, a superficie forestal de Galicia viuse minguada minimamente, aínda que esto só afecta á superficie desarborada, xa que a arborada aumentou nun 4%. Dende o comezo do IFN, a superficie arborada incrementouse nun 27%, o cal repercutiu nun crecemento da superficie forestal autonómica do 2%. (ver táboa 1 e figura 1)
Táboa 1. Evolución da superficie forestal en Galicia (miles de ha)
IFN1
|
IFN2
|
IFN3
|
IFN4
| |
Monte arborado
|
1.121,58
|
1.045,37
|
1.372,45
|
1.424,09
|
Monte desarborado
|
863,44
|
922,93
|
667,12
|
606,58
|
Figura 1. Evolución da Superfice Forestal de Galicia.
Outro aspecto a sinalar é a relación existente entre superficie e producción. Entre o IFN3 e o IFN4 a superficie arborada é practicamente a mesma en termos absolutos, e sen embargo tanto a cantidade de árbores como o volume de madeira presente nos montes galegos aumentaron entre un 30% e un 45% (ver táboa 2 e figuras 2 e 3). A explicación hai que buscala na densificación das explotacións e na súa ansia por aumentar os rendementos, xa que a excesiva parcelación induce á utilización de marcos de plantación máis pequenos, o cal incide directamente na escolla da especie que se vai plantar e por ende no destino da madeira.
Táboa 2. Nº de pés maiores e Volume de madeira con cortiza (en miles)
IFN1
|
IFN2
|
IFN3
|
IFN4
| |
Nº de pés maiores
|
628.115,35
|
478.501,09
|
688.061,95
|
893.924,5
|
Volume con cortiza (m3)
|
70.799,04
|
90.397,51
|
133.092,75
|
192.914,04
|
O fin último da madeira é algo que se debe ter en conta dende o primeiro intre no que se deseña a plantación, xa que o seu coidado posterior varia notoriamente segundo o producto que se queira obter. Deste xeito, se o que queremos é producir madeira para pasta de papel a silvicultura é case innecesaria. Pola contra, se buscamos un producto de calidade e con un certo valor engadido, a cousa cambia. Producir árbores con fustes rectos e libres de nós implica un seguimento e unhos traballos laboriosos pero que sen dúbida mostran bos resultados. Segundo o informe Resultados de la Industria de la Madera en Galicia, 2010 elaborado polo Cluster da Madeira de Galicia e a FEARMAGA, a facturación é maior no caso da industria da pasta de papel e taboleiros, mentres que o aserrado mantense en cotas máis modestas. De todos os xeitos, o acutal contexto económico faise significativo, xa que a disminución de todos os subsectores é máis que patente. (ver figura 4)
Figura 2. Nº de pés maiores ó longo dos distintos inventarios.
Figura 3. Volume da madeira con cortiza ó longo dos distintos inventarios.
Figura 4. Evolución da facturación da industria de primeira transformación (datos en miles de €)
Ante estes datos, o devandito informe conclúe como culpables da situación ós seguintes factores:
- Ausencia de silvicultura que mellore a calidade tecnolóxica da madeira.
- Grandes custos de explotación forestal nunha estructura minifundista da propiedade.
- Escasa implantación da Certificación Forestal.
- Falta dunha verdadeira Política Forestal que incentive a xestión productiva do monte e dea seguridade á mesma.
Para a busca de calidade o medio ambiente tamén ten algo que dicir. É aquí onde entra en xogo a Certificación Forestal. Trátase de conseguir que as explotacións forestais sexan “amables” co medio ambiente ó tempo que obteñen os lexítimos rendementos económicos. Para esto, deben adoptar sistemas de xestión forestal sostible baseados en normas internacionais elaboradas precisamente para esto. A certificación forestal é voluntaria, é dicir, ninguén está obrigado a acollerse a ela e a acreditación é resolta por un organismo independente. Por outra banda, cabe mencionar a cadea de custodia. É outra certificación que implica á industria e que garante ó consumidor final que o producto foi elaborado a partir de materia prima producida baixo un sistema de xestión forestal. A maneira de se resolver é igual á certificación forestal, un organismo independente encárgase do proceso auditor e da conseguinte acreditación.
En Galicia aínda non contamos con grandes superficies forestais certificadas. Como se pode ver na figura 5 (datos obtidos de PEFC España), son sobre 150.000 hectáreas as que contan con este distintivo, o que incide aínda máis no que levo exposto ata o de agora, a necesidade de producir madeira de calidade e con valor diferenciado. Esto vese máis agravado se nos fixamos no que está pasando en Europa, xa que as diferencias fanse moito máis patentes. Na figura 6 (gráfica elaborada por Monte Industria a partir de datos FAO 2005, PEFC 2009 e FSC 2009), España está a sexta pola cola (sinalada cunha frecha vermella) no que se refire á porcentaxe de superficie certificada. Os líderes: Irlanda, Croacia e Finlandia por esta orde. Chama a atención que salvo Croacia, o resto son países con menos horas de luz e cunhas climatoloxías ben máis adversas que a galega para a producción forestal.
Figura 5. Evolución Superficie Forestal Certificada por CCAA (2008-2011) (datos en ha)
Figura 6. Superfie forestal certificada en Europa (%)
Actualmente o sector madeireiro ten unha notable presenza na economía galega, en concreto o informe O monte é a nosa vida, feito pola Xunta de Galicia, indica que representa o 3,5% do PIB galego, da traballo de forma directa a 26.000 persoas e cita a existencia de preto de 3.500 empresas vinculadas ó monte cunha facturación aproximada de 2.000 millóns de euros ó ano. Por eso é moi frustrante ver como Galicia ten unhas condicións inmellorables para a producción forestal e nembargantes temos que conformarnos tan só coas migas do pastel. Cales serían as cifras se tivésemos un monte ordenado e unha política forestal que dese seguridade ós propietarios das terras para investir con menos risco co actual?
E xa que falo de riscos, o lume é outro dos aspectos que máis medo lle pon a un propietario para decidirse a explotar o monte. É moi difícil demostrar que unha persoa é culpable de incendiar un monte e por desgraza é moi doado plantarlle lume a todo un monte e ó que se poña por diante. Os motivos coido que son moi diversos, ó igual co perfil do incendiario. A Revista Galega de Economía, publicou no 2011 a seguinte táboa nun artigo titulado Estudio de la incidencia de los incendios en Galicia, una perspectiva socioeconómica, na que expón a enorme variabilidade que existe na orixe dos lumes.
A estratexia para combater a lacra dos incendios tense visto fracasada. Baixo o meu punto de vista nunca se vai conseguir rematar con eles, pero sen dúbida pódese operar dunha maneira ou doutra para conseguir mitigar o seu efecto. No ano 2011 arderon sobre 55.000 hectáreas de monte só en Galicia, aínda que probablemente esta cifra sería moito menor se o monte tivese un verdadeiro valor e se non fose visto o problema como unha operación de limpeza. Por todo esto, é imperioso ordenar o monte e crear parcelas que fagan viable unha inversión, para que consecuentemente a xente se pense dúas veces o feito de acribillar unha zona de determinado potencial.
Táboa 3. Procedencia dos incendios evitables en Galicia segundo a súa intencionalidade
Por todo esto e probablemente moito máis, está nas nosas mans ser capaces de ver o que podemos chegar a facer co monte galego. En todo o artigo focalicei sobre o recurso (renovable) da madeira, pero son moitos outros os que van da man e sen dúbida contribúen a sostibilidade e viabilidade forestal. Pensar no aproveitamento micolóxico, no cinexético ou no turístico (entre outros moitos) é pensar no monte, é pensar en Galicia e é pensar en que dispoñemos dunha serie de recursos naturais que non poden ficar baldíos e que sen dúbida, son a envexa de moitos países e rexións.
Necesitamos da implicación das administracións e que vexan dunha vez o imperioso que é contar cun monte galego ordenado, porque só deste xeito o monte será sostible ambiental, social e economicamente. Mentres tanto, seguimos esperando.
0 comentários :
Danos a túa opinión