ContraMINAcción



Redacción.-

Un grupo de persoas e organizacións sensibles cos problemas e ameazas que están a supoñer o aumento das concesións mineiras -máis do 50% da superficie do país-, con proxectos irracionais en localizacións con altos valores ambientais -LIC Anllóns, Fragas do Eume, Serra do Galiñeiro, etc.- decidiron crear ContraMINAcción, Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza.

Polo momento fan parte da rede, ademais de varias persoas que participan de xeito individual, os seguintes colectivos: Agrupaçom de Montanha Augas Limpas, Asociación Véspera de Nada, Associação Socio-Cultural O Iríbio, Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, Plataforma pola Defensa do Galiñeiro, Plataforma Veciñal Corno do Monte, Salva la Selva, Santa Comba Viva, Sindicato Labrego Galego e Verdegaia.

Segundo eles mesmos manifestan, a rede está aberta a tódalas agrupacións que queiran participar, agás aos partidos políticos. As persoas que poidan aportar achegar algo a título individual tamén son benvidas á rede.


No seu comunicado sinalan que son tres os obxectivos principais de ContraMINAcción:

A identificación dos problemas establecendo un marco do que pasa en Galiza, analizando o que acontece en cada lugar ou proxecto mineiro, poñendo en valor o que se perde con el, e estudando tamén o que está a acontecer noutras partes do planeta.

Compartir estratexias e medios para loitar contra a minaría destrutiva con aquelas persoas e colectivos que se vexan ameazados, coordinándonos mediante o traballo en rede, tirando de cada loita datos útiles para as demais, facendo accesible información contrastada e fiable a todas elas, e facendo dispoñible apoio xurídico e técnico.

Difusión na sociedade dos problemas que está a xerar a minaría, facendo visibles a especulación e ocupación do territorio, sendo unha voz fronte a todos os conflitos por igual, e levando a cabo accións informativas en tódalas comarcas.

Como propostas de acción máis inmediatas, prantexan organizar xornadas informativas en Vigo e en Ourense para explicar os impactos da minaría, nas que participarán activistas das plataformas de afectados e afectadas, xuristas, economistas, e persoal técnico. Tamén facer encontros nas zonas ameazadas para difundir os valores naturais, sociais e económicos do lugar; e a importancia de conservar o que hai neses lugares.

Finalmente, desexan, segundo eles mesmos din, que toda a acción conflúa nunha grande manifestación nacional en Compostela o día 2 de xuño para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente dicindo NON a este modelo de minaría neocolonial e destrutiva, animando a todos os colectivos sociais e ecoloxistas do noso país a apoiar esta manifestación, para dar unha resposta visible e contundente á agresión que, segundo din, estase a perpetrar contra Galicia.

19 de abr. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión