Fermín Bouza.-
Os programas de contido político de TVE son unha mostra de desequilibrio ideolóxico e de sectarismo moi notable, como nos vellos tempos. Incluso a locutora central dos telexornais, Ana Blanco, protestou por algunha mostra recente relativa á Lei de Costas. Os programas de debate están ideolóxicamente orientados desde unha maioría de xornalistas afíns ao partido do goberno (os chamados Nenos Cantores da Moncloa), e hai que ir de cando en vez a Telecinco, La Sexta e tamén ao Cuatro ou Antena 3, para ver algún debate equilibrado, vivo e real. Parouse en seco o longo camiño de RTVE cara á plena liberdade e pluralidade, e volvemos ao tardofranquismo mediático nos medios que o goberno controla. Isto é un enorme paso atrás e a viva demostración da idea de liberdade que algúns teñen.
Non leo nin unha soa palabra na prensa conservadora sobre estes abusos regresivos, pero non deixan de desplumar a canto líder ou lideresa da esquerda, dos sindicatos ou dos movementos sociais caia nas súas mans, chegando a inventar cousas, a calumniar, cun descaro tremendo. Hoxe facía mención diso a política navarra Uxue Barkos, vítima destes suxeitos.
O impacto da corrupción
O problema é que moitos dos implicados, directa ou indirectamente, no tema da corrupción, están situados en postos decisorios, e a xente identifica a esas xentes coa democracia, co cal o mecanismo da desafección política dispárase. Sabemos xa demasiadas cousas de como funciona a corrupción máis habitual, esa que vai das empresas aos partidos e dos partidos á ordenada distribución da riqueza entre as súas elites, sempre solidarias para estas cousas.
O mecanismo citado de reprodución da corrupción é controlable a pouco que os partidos dean facilidades. Con frecuencia non as dan e escapan constantemente ás preguntas e indagacións da opinión cidadá. Non hai unha clase política ben educada en principios transpartidarios e cívicos. En xeral, non a hai, coas excepcións que sexan necesarias. Esta ausencia de ética cívica é facilmente detectada pola opinión pública, que se carga de prexuízos antipolíticos.
A descontinuidade democrática neste reino fixo prosperar máis da conta condutas propias de franquismo. A corrupción vai devorando a todas as institucións, e tardaremos décadas en ver como se recobra a opinión pública a un bo nivel de fe na liberdade e na democracia. Pero mentres iso chega, a cidadanía vaise encrespando paso a paso e ameaza con tomar rúas e institucións e acelerar así un cambio que moita desa xente considera necesario e inevitable.
Con todo, aínda non sabemos que poderemos cambiar (para que nada cambie?) e esa desorientación aínda ten prostrada á metade dos máis afectados pola crise. Pero a ameaza continúa.
A forza resistente: de Neptuno a Cibeles
O xoves achegueime a Cibeles-Neptuno para estar coa xente da educación, que é a miña xente, e é o sector no que traballei e traballo dese sempre. Os recortes, próximos xa aos 7.000 millóns de euros, son unha parte grave do iceberg educativo que regresa ao vello clasismo e esgana ás clases medias-medias da man das clases populares, mentres pon tamén outra clase de obstáculos para que a combinación traballo/universidade se faga imposible para os estudantes que traballan, que ven como se reducen as súas posibilidades estratéxicas de presentarse a segundo que materia, etc.
O abandono paulatino do ensino público pola dereita é unha volta ao vello señoritismo dos letrados e os iletrados. Non é verdade que non hai forma de manter este sistema educativo, isto é case obvio para quen coñeza un pouco o medio. Pero ábrense máis posibilidades á educación-negocio como se abren á sanidade-negocio. Achegueime, digo, á gran manifestación que enchía amplamente a zona desde Cibeles a Neptuno, polo menos. Había avós e pais, nenos, novos e profesores, e toda a dignidade acumulada por estas xentes estaba alí, presente con eles. De todos os desastres da crise e da súa abordaxe merkeliano, o peor será o da educación e a sanidade, que son accións directas contra o presente e o futuro.
A cuestión catalá na vila e corte
Se o de Cataluña fose un problema xurídico, ou só un problema xurídico, o Tribunal Constitucional tería comezado a pechalo. Pero non é un problema xurídico, ou non é só un problema xurídico nin este problema é o máis transcendente. O problema catalán é un problema real, empírico, incumbe ás ideas e á vontade da xente e ás maiorías parlamentarias, e por iso a cuestión catalá sairá por onde teña que saír, pero sairá. A realidade é así de maldita, e é máis potente que as leis, quizá porque as leis deben facerse para regular a realidade, non para imporse a ela. Pódese facer, claro, pero dá pésimos resultados a medio e longo prazo.
Neste sentido, a idea de preguntar á xente non é mala. De preguntarlle, sobre todo, aos propios cataláns, o outro, o constitucional, non ten moito sentido, é un puro absurdo, e só serviría para pór en evidencia a diferenza presumible que hai entre os cataláns e os demais deste estado á hora de opinar sobre Cataluña e o seu futuro. Se neste momento poderían sumarse a unha estratexia independentista un 30% dos votantes, dentro dun ano será un 40%, dentro de dous, un 50%... e suma e segue. O grao de torpeza dun goberno central está directamente correlacionado co incremento da desafección e o independentismo.
A tortura, de habitual a excepcional?
Cando un individuo de calquera adscrición está detido polas forzas de seguridade (calquera delas) é, sobre todo, un cidadán a protexer en mans do estado, que asume a súa responsabilidade. Sabemos, con todo, que non é sempre así, e de cando en vez soben a superficie xudicial casos de abusos e torturas que dan vergoña allea e violan todo principio constitucional. Existen até vídeos dos malos tratos (Moços), que tamén tocan o militar por unhas escenas de tortura de soldados españois en Iraq que apareceron hai pouco en prensa.
O martes houbo un debate desta clase no Senado que foi un diálogo imposible entre Rajoy e un senador de Amaiur. A contestación de Rajoy non foi de recibo: a súa obriga é defender aos presos deses tratos e non transformar un debate, digamos, técnico, nun debate político: Non hai lugar neste caso. Sexa de ETA ou de quen sexa, un preso ten uns dereitos e o estado ha de defendelos.
A tradición máis inmediata da tortura vén do franquismo, onde houbo xente que morreu estando detida. E é posible que perduren certos usos e costumes daquel tempo, aínda que de forma moi limitada: a tortura sería hoxe algo excepcional, pero existente. Aínda hai xente agardando a que algúns daqueles envellecidos torturadores do franquismo volvan ao reino para acabar con eles por calquera procedemento, pero ese non é o camiño: é necesario expor as cousas, non eludilas, falar. A palabra é a arma máis temible e o que realmente cambia o mundo. O Partido Popular europeo volveu cubrirse de gloria.
Soberanía? Que parvada!
Quizá a contestación a Rajoy cando bota a culpa aos seus predecesores do problema económico do reino sexa ensinarlle un pouco de historia económica recente e repasar o traxecto de Aznar no goberno coa súa burbulla e a o seu canesú. É posible que o PSOE non actuase moi a fondo (Zapatero fíxoo na súa segunda lexislatura) contra a burbulla, pero iso non o converte en principal facedor dos preámbulos da crise. Rajoy minte cada vez que di iso, porque non lle faltou algún asesor que, en voz baixa, contoulle a verdade sobre o monstro-burbulla que nos matou con efecto retardado. O gasto vai a rebufo da burbulla.
En conxunto, os pecados do neoliberalismo (sempre protesto contra o uso da palabra liberalismo por esta xente ultraconservadora) trouxéronnos aquí, tanto neste reino como en Europa. Á marxe da inutilidade económica das teorías que sustentan tal dislate mil veces desmentido polos feitos, están os movementos paralelos aos propiamente económicos que van entregando o control da economía mundial a grupos financeiros de presión económica (a débeda!) con repercusións políticas: tras o dominio económico vai chegando o político, e da perda de soberanía aceptada para entrar nunha unidade de maior nivel, a UE, estamos a pasar a unha absoluta perda de soberanía en mans da vontade da Señora e dos seus brazos executores.
0 comentários :
Danos a túa opinión