30º aniversario d´A Voz de Vilalba

Paz, Naseiro, Paz.-

O 29 de xuño de 1983 viña sendo un mércores. A tradición d´A Voz de Vilalba marca este día como aquel no que, sentados na Praza do Castelo a trazar plans para o longo verán que se aveciñaba, deunos por facer un xornal. Tamén nos podía ter dado por outra cousa, pero non. Quizais o recente descubrimento da longa e fecunda historia da prensa vilalbesa do primeiro terzo do século XX, ou a influenza dunha coñecida serie de televisión, ou seguramente a suma de ambalasdúas cousas, deron inicio a esta aventura que xa dura trinta anos. Contámolo xa nalgunha ocasión, polo que non é preciso lembrar outra vez aquela tolemia preadolescente.

Unha afortunada casualidade marca se cadra a diferenza entre o que puido ser outra arroutada do que foi a longa traxectoria que nos trouxo até aquí: Xosé Antonio Varela, moito máis ca un mestre, boa persoa no mellor sentido da palabra e o noso “dire” naquel colexio Ínsua Bermúdez que tantas inquedanzas espertou, pasou no momento xusto polo sitio certo. Á nosa tolemia respostou poñéndonos a dispor os medios cos que contaba o centro de ensino para que puidesemos tirar o primeiro número.

E, entre eses medios que Varela nos ofreceu, Chema Barcia, o profe de literatura e inglés co que tiñamos os seus máis e os seus menos –non se pode dicir que foramos alumnos modelo- , un tío currante e botado para diante que, despois da perplexidade inicial, non hesitou á hora de porse ao teclado dunha enorme Olivetti gris a machacar, literalmente, clichés de multicopista.

A secretaría do deserto Ínsua Bermúdez, Paz e Iván foron testemuñas daqueles dous intensos días de traballo entre a máquina de escribir, as probas de impresión e a tiraxe definitiva dunha presa de exemplares –quizais cen ou cento e pico- de seis páxinas que a vetusta multicopista Gestetner sacou a diante a trancas e barrancas nun ambiente certamente alegre e de moita ilusión. Chema Barcia lembraba hai uns anos aquela tolemia.

Unha presa de noticias, algunha curiosa enquisa, o plano da vila e a nosa primeira entrevista, a que fixemos a un pequeno funambulista chamado Willi Wobbeki cuxa familia actuaba aquela fin de semana da Alameda vilalbesa, constituían o parvo contido daquel número un que saímos a vender o domingo, tres de xullo.

E xa non houbo maneira de parar aquelo. Non até o mes de agosto de 1986, tres anos despois de comezada a aventura. Cunha periodicidade semanal, mensual, ou cando cadraba, A Voz de Vilalba saíu á rúa dun xeito ou doutro afrontando abondosas dificultades. Polas páxinas de maquetación artesanal pasaron, entrevistados, Manuel Fraga, o entón alcalde García Leira, o bispo de Mondoñedo, o pintor Diego Antona, o daquela adestrador do Racing Vilalbés, Fabri, Rouco Varela ou o grupo Xorima, entre outros.

Vinte e sete números e varios especiais, unha espectacular exposición de prensa mudial, montada entre agosto e setembro de 1985 coa inestimábel axuda de José Sánchez Domínguez, e unha chea de experiencias vividas son o resumo daqueles tres anos e pico fundacionais. Os camiños da vida impuxeron unha longa pausa no proxecto, pero non mataron o espírito co que naceu A Voz de Vilalba.

É en 1988 cando se produce outro xiro inagardado. Cando a criatura cumpría vinte e cinco anos, un xove profesor de orixe vilalbés, Felipe Debasa Navalpotro, atopaba na Biblioteca Nacional aqueles xornais feitos con moitas gañas e poucos medios. Da súa sorpresa xurdiu a iniciativa de editar todo aquel material en edición facsimilar, da man da Universidad Rey Juan Carlos e o Instituto de Estudos Chairegos. Na xuntanza da redacción orixinal para traballar neste proxecto xurdiu, inevitábelmente, unha ucronía: que terían feito aqueles tres rapaces de contaren cos medios de hoxendía e, particularmente, coa Internet?

O espírito que deu vida á aventura naquel lonxano 1983 seguía, sen dúbida, vivo, e A Voz de Vilalba converteuse en avozdevilalba.com, unha nova etapa na vida do xornal que acumula, arestora, cinco anos de actividade, dúas mil catrocentas tres entradas na web e máis de cento sesenta mil visitas á portada da edición dixital. Sen presunción algunha, e mesmo cun algo de tristura, este é un dos poucos medios en galego que sobrevive á terríbel crise que vive desde hai anos a prensa na nosa língua, coa vontade de manter a testemuña, se for posíbel, como mínimo tres décadas máis.

29 de xuño de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión