O documental "Carrilanos" hoxe en Vilalba


Redacción.-

Hoxe venres, 19 de xullo, terá lugar no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba a proxección da película documental "Carrilanos. Os túneles dun tempo", a historia interminable da construción do ferrocarril Puebla de Sanabria-Ourense durante case medio século, prometida por gobernos monárquicos, repúblicanos e da ditadura. Durante 58 minutos e da man dos seus protagonistas aínda vivos se reconstrúen os detalles dunha obra que aparentaba interminable, cunha odisea técnica e humana de por medio da que eles non eran conscientes e os demais descoñeciamos. O acto, organizado conxuntamente por A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, será a partir das 20:30 horas no Centro Cultural e Recreativo e contará dos presenza de Rafael Cid, autor do documental e actual director de RTVE Galicia, que estará acompañado polos xornalistas Antón Grande (vicepresidente da Asociación da Prensa de Lugo) e Moncho Paz (co-editor de A Voz de Vilalba).

Na apertura deste treito da liña Zamora-A Coruña, coa que quedaría defnitivamente aberta a comunicación por ferrocarril de Galicia con Castela, traballaron, dende 1929 a 1957, milleiros de operarios, os chamados “carrilanos”. O xornalista Rafael Cid reconstrúe neste documento gráfico, por medio dunha copiosa información documental e fotográfica, ata agora totalmente inédita, aquela epopea heroica dos esforzados homes da vía: dende as suores e fatigas de xornadas interminables de traballo na escuridade; pasando polas dificultades técnicas na perforación dos túneles; os convulsos días de folga durante os anos da segunda República; a introdución de nova maquinaria; as traxedias provocadas polos tiros e a pólvora, os milleiros de pulmóns feridos pola silicose (o “mal da vía”) que enchouparon o corpo e a alma dos carrilanos e das súas viúvas; ata os días no que foi inaugurado coa pompa característica do réxime de Franco.

Este documental, realizado en 2003 e producido polo centro territorial de TVE en Galicia, foi editado dous anos despois por Xerais, nun libro que inclúe unha cronoloxía e un apéndice literario cos chamados “romances da vía”, ademáis dunha panorámica esperanzadora do estado actual deste treito de camiños de ferro e dos proxectos en marcha de recuperación das súas estacións para o seu emprego turístico e cultural. O libro, acompañado dun DVD co documental, está esgotado na actualidade.
"Carrilanos. Os túneles dun tempo" mereceu a mención especial do xurado do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense, o primeiro premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", o premio de comunicación "Francisco Cossío" de Castela e León e o premio Galicia de Comunicación en 2004 ao mellor labor de comunicación en TV.

Rafael Cid (Verín, 1961) é licenciado en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galaico-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e tamén en Xornalismo pola Universidad de Navarra. É profesor asociado de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela. Realizou prácticas en La Voz de Galicia, colaborou con La Región e, asemade, fixo colaboracións de prensa para Roberto Verino. Traballou en Televisión de Galicia (TVG) dende o seu nacemento, o 25 de xullo de 1985, ata outubro de 1987. Nesa data ingresou en TVE, no Centro Territorial de Galicia, onde foi xefe de Programas e Informativos, e na actualidade é o delegado de RTVE en Galicia e membro da xunta directiva da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC)

19 de xul. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión