Redacción.- Máis de setenta
persoas déronse cita no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba para asistir á
proxección da película documental “Carrilanos. Os túneles dun tempo”, do
xornalista Rafael Cid, actual director de RTVE Galicia.
O acto deu comezo ás 20:30 horas, coa presentación de Moncho Paz,
co-editor de A Voz de Vilalba, que fixo un percorrido polo traxectoria
profesional de Rafael Cid; de seguido, o vicepresidente da Asociación da Prensa
de Lugo, Antón Grande, referiuse á xestación do documental, realizado en 2003 e
producido polo centro territorial de TVE en Galicia, e que foi editado dous
anos despois por Xerais, nun libro que incluía unha cronoloxía e un apéndice
literario cos chamados “romances da vía”, ademáis dunha panorámica
esperanzadora do estado actual deste treito de camiños de ferro e dos proxectos
en marcha de recuperación das súas estacións para o seu emprego turístico e
cultural. O libro, acompañado dun DVD co documental, está esgotado na
actualidade.
Pola súa banda, o
autor do guión e director da película relatou varias anécdotas que tiveron
lugar durante a rodaxe e posterior montaxe documental, así como a presentación oficial
que se celebrou no seu día en Verín e que congregou a máis de mil persoas.
Na apertura deste
treito da liña Zamora-A Coruña, coa que quedaría defnitivamente aberta a
comunicación por ferrocarril de Galicia con Castela, traballaron, dende 1929 a
1957, milleiros de operarios, os chamados “carrilanos”. O xornalista Rafael Cid
reconstrúe neste documento gráfico, por medio dunha copiosa información
documental e fotográfica, ata agora totalmente inédita, aquela epopea heroica
dos esforzados homes da vía: dende as suores e fatigas de xornadas
interminables de traballo na escuridade; pasando polas dificultades técnicas na
perforación dos túneles; os convulsos días de folga durante os anos da segunda
República; a introdución de nova maquinaria; as traxedias provocadas polos
tiros e a pólvora, os milleiros de pulmóns feridos pola silicose (o “mal da
vía”) que enchouparon o corpo e a alma dos carrilanos e das súas viúvas; ata os
días no que foi inaugurado coa pompa característica do réxime de Franco.
"Carrilanos. Os túneles dun tempo" mereceu a
mención especial do xurado do Festival Internacional de Cine Independente de
Ourense, o primeiro premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", o
premio de comunicación "Francisco Cossío" de Castela e León e o
premio Galicia de Comunicación en 2004 ao mellor labor de comunicación en TV.
______________
Foto: Chema Felpeto
0 comentários :
Danos a túa opinión