Criminalización da loita contra as minas

Redacción.-

Foi o 2 de xuño de 2013, ao celebrar o Día do Medio Ambiente coa tradicional manifestación
conmemorativa. Este ano, a convocatoria xirou sobre o tema que máis preocupa neste momento
a ecoloxistas e cidadanía en xeral: a minaría a gran escala como proposta económica para Galiza.
De xeito inesperado, o pasado 9 de setembro, o colectivo Verdegaia -que forma parte da
plataforma ContraMINAcción1, organizadora das protestas- recibiu unha multa de 450 € por
supostos “destrozos coincidindo co paso do grupo polos locais afectados”. Eses danos incluirían
pintadas de temática diversa en locais comerciais e o lanzamento de dous botes de fume.
“Se os feitos detallados na denuncia se produciron diante dos axentes da policía, por que esta
non actuou nese momento? Parécenos unha neglixencia pola súa parte, dificilmente crible
tendo en conta o seu habitual exceso de celo nas manifestacións. Ou é que nos atribúen os feitos
sen teren a certeza de que se produciron ese día e como froito da manifestación?”, pregúntase
Nela Abella, da Plataforma pola Defensa de Corcoesto. “Se o que pretenden é que quedemos na
casa vendo a tele en vez de mobilizarnos, que o vaian esquecendo”, engade.
Nacho Jorganes, representante do colectivo Verdegaia a nome de quen veu a multa, nega as
acusacións: “En ContraMINAcción non temos coñecemento algún destes feitos, nin moito menos
está involucrada nos mesmos”. Tampouco os múltiples medios de comunicación, reflectiron nada
diso nas moitas noticias publicadas o mesmo día e nos días seguintes2.
Para Margarida Prieto Ledo, do Sindicato Labrego Galego, “trátase dun claro intento por parte da
Xunta de criminalizar a protesta social, ademais de intimidar e coaccionar a quen se opoñen aos
seus destrutivos plans de levar a cabo proxectos mineiros a gran escala”.
Guadalupe Rodríguez, de Salva la Selva, vai máis alá ao afirmar que “os gobernantes fanse
cómplices de empresas mineiras sen escrúpulos que intentan saquear o territorio galego, marchando co pouco ouro e outros minerais que se encontran no subsolo, nun intento de
enriquecerse non tanto coa propia explotación mineira, senón máis ben co proceso especulativo
en torno á mesma, como as subvencións que obteñen dos nosos cartos públicos ou mediante o
xogo na bolsa canadense”. Ademais, ContraMINAcción oponse ás actividades mineiras a gran
escala en toda Galiza, polos perigos que implican para a saúde da poboación e para o medio
ambiente.
En todo caso, todos cos colectivos que pertencen a ContraMINAcción coinciden en considerar
que “dende logo imos recorrer os 450 € que nos reclaman por supostos danos sucedidos o día da
manifestación pacífica pero, en todo caso, quedan a conta dos millonarios danos que a Xunta
está a causar a Galiza cos seus destrutivos proxectos mineiros”.
Con esta multa, a Xunta dá continuidade a un claro proceso de criminalización da protesta social
que xa teñen sufrido outros colectivos e plataformas na Galiza. Tentan transmitir a quen non está
de acordo coas súas políticas a mensaxe de que, desde agora, protestar pode saír caro. E mostran
que a vara de medir é diferente á hora de aplicar a lei para coas empresas mineiras estranxeiras
ou para coa xente galega de a pé.

1http://www.mineriagalicia.org/colectivos-que-formamos-a-rede/
2Ver por exemplo: "Que non arrasen Galicia nin por todo o ouro do mundo, en: http://praza.com/movementos-sociais/4652/que-non-arrasengalicia-
nin-por-todo-o-ouro-do-mundo/); Manifestación nacional contra a minaría salvaxe (Video, Compostela, 2/06/13), en
http://www.youtube.com/watch?v=cevLnTDSAEc; Manifestación en Santiago de Compostela en contra de los megaproyectos mineros, en
http://www.praza.com/movementos-sociais/4652/que-non-arrasen-galicia-nin-por-todo-o-ouro-do-mundo/); Miles de personas protestan en
Santiago contra los megaproyectos mineros, en http://www.galiciahoxe.com/galicia/gh/arranca-en-santiago-la-manifestacion-contra-lamegamineria/
idEdicion-2013-06-02/idNoticia-809753/); Una multitudinaria manifestación exige la retirada de los grandes proyectos mineros de
Galicia, en http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2013/06/02/multitudinaria-manifestacion-exige-retirada-grandes-proyectos-minerosgalicia/
00031370175518967295496.htm



18 de set. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión