Reimprímete ou o valor do produto gráfico


Redacción.-


O Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego (CPGLg) celebrará mañá 19 de setembro, en Santiago de Compostela, o foro "Reimprímete", co obxectivo de poñer en valor o produto gráfico e alcanzar sinerxías e oportunidades de negocio entre as empresas participantes.

A comunicación gráfica vive nun ámbito hostil, onde a modernidade parece vir da man de aparatos tecnolóxicos pero, onde tamén, a realidade indica que cando un contido interesa, acaba sendo impreso.

A cooperación empresarial e a innovación dos procesos organizativos e produtivos, son hoxe as vías para que as empresas poidan ser competitivas.

Para conseguir os obxectivos previstos en "Reimprímete", o CPGLg contará coa colaboración especial da Asociación Galega de Editores (AGE) e co apoio da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia (AEAGG), da Asociación de Xornalistas de Galicia (APG) e do Clúster da Edición, Librarías e Comercialización de Galicia.

Posta en valor do produto gráfico e casos de éxito

"Reimprímete" terá lugar o 19 de setembro no Centro Cultural Novacaixagalicia de Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19).

Dará comezo ás 10:00h. cunha presentación a cargo dos presidentes do CPGLg e da AGE, Jacobo Bermejo e Manuel Bragado, respectivamente.

Ás 10:30h. da mañá, o editor, escritor e xornalista, Juan Cruz, pronunciará o relatorio: "A tinta no es solo simpática".

Logo dunha pausa para o café, ás 12 comezarán as exposicións dos casos de éxito. Concretamente, participarán cunha duración de 30 minutos cada unha, representantes do Grupo Arnoia, a Feira do Libro de Madrid e Netex.

Ás 16:00h. continuarán os casos innovadores de éxito coa Editorial Kalandraka e con Tórculo Artes Gráficas.

Media hora máis tarde, ás 17h., Javier García, secretario da APG, moderará un debate sobre as conclusións do foro.

Javier Aguilera, director do Igape, clausurará Reimprímete ás 18 h.

Este evento é gratuíto e conta co financiamento do Igape, a Consellería de Economía e Industria e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Por motivos de aforo, é necesaria a inscrición previa no teléfono: 881 977 102 ou no correo electrónico: comunicacion@clustergrafico.com.

18 de set. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión