Redacción.-
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Concello de Santiago de Compostela, coa Asociación Cultural Rocha Forte e mais coa Asociación de Veciños da Rocha Vella nos actos de celebración da IX Cultural da Rocha, que acolle a mostra “Querido Balbino 1961-2011: 50 anos de Memorias dun neno labrego” dentro da súa programación de actividades.
A exposición, que prosegue a súa itinerancia polas localidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, poderase visitar na sede da Asociación Cultural Rocha Forte ata o sábado 28 de setembro.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurouna hoxe acompañado polo escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas. No acto de apertura da IX Semana Cultural da Rocha participaron tamén o rexedor compostelán, Ángel Currás; os concelleiros Francisco Noya e Rebeca Domínguez; o comisario da mostra “Querido Balbino”, Xosé Luís Reimóndez; os presidentes das dúas asociacións organizadoras, Carlos Delgado e Manuel Moure, respectivamente, e Xosé Ramón Fandiño, condutor do acto.
IX Semana Cultural da Rocha
A IX Semana Cultural da Rocha ofrece durante os vindeiros seis días unha ampla e completa programación cultural con actividades dirixidas a todos os públicos. Ademais da mostra “Querido Balbino”, pódese visitar na sede da asociación Rocha Forte a mostra “Luces e sombras na pedra”, integrada por unha colección de deseños de moda de Eva Bouzas.
O xoves 26 o cartel inclúe unha visita guiada de portas abertas ás ruínas do Castelo Rocha Forte, da man da arqueóloga María José Bóveda. O venres acolle unha conferencia do arquitecto Iago Seara arredor do patrimonio cultural da Rocha Vella, “O Camiño Portugués a Santiago, ao seu paso pola Rocha e o Castelo Rocha Forte”, coincidindo coa campaña arqueolóxica que se leva a cabo arestora no castelo.
O sábado 28 haberá, desde as 17:00 horas, actividades de chave, inchables e futbolín; ás 19:00 horas unha misa na honra de Santa Eufemia e a partir das 19:45 horas unha exhibición de danzas do mundo, da man da escola de danzas As Feiticeiras, e unha sardiñada popular con música en directo.
A mostra prosegue a súa xira pola RDL en Silleda, Cerceda e Carral
A exposición “Querido Balbino” leva en itinerancia por Galicia dende abril do 2011, cando fixo medio século da publicación en Bos Aires de “Memorias dun neno labrego”, a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas (na actualidade xa está dispoñible en 17 idiomas e en preparación a edición en xaponés).
Tras o seu paso polas bibliotecas nodais e museos de Galicia e mais pola localidades de Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Sada, Arteixo, Val do Dubra, A Baña, Negreira, Melide, Palas de Rei, Dodro, Rois, Padrón, Outes, Fisterra, Pontedeume, Zas, Castrelo de Miño e Santiago de Compostela, as vindeiras paradas da exposición serán os concellos de Silleda, Cerceda e Carral.
Por medio desta acción, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente entre as persoas máis novas, redescubrindo a obra que xa é un dos piares da literatura galega contemporánea.
Máis información aquí.
0 comentários :
Danos a túa opinión