Redacción.-
Díxose moitas veces que a Terra Chá é a comarca galega que máis autores ten dado á literatura galega, nomeadamente a partir da posguerra civil. Se cadra isto explica por que calquera intento de explicación sociolóxica desta unidade debe ir mais alá de consideracións físicas ou xeográficas e entrar de cheo no ámbito da ecoloxía humana.
Sen embargo, unha coidada explicación do ámbito chairego choca lóxicamente coa ausencia de estruturación legal, política ou administrativa dunha realidade que, se ben está presente no imaxinario colectivo dende hai moito tempo, non se traduciu nunha organización formal deica finais do século XX, e aínda daquela deu lugar a unha comarca administrativa baleira de contido e mutilada na súa extensión xeográfica e sentimental.
Xenaro Pérez López (Guitiríz, 1942), sociólogo formado na Universidade Católica de Lovaina e na Complutense de Madrid, propúxose abordar para a súa tese doutoral a complexa realidade da nosa comarca se ben, como el mesmo declara, a falla de tempo e medios para abordar o estudo de campo frustraron este anceio. Orabén, neste proceso tíñalle achegado unha abondosa bibliografía relativa á Terra Cha, e propúxose comentala e publicala en forma de libro.
A Chaira vista polos chairegos. Unha bibliografía da Terra Cha. 1940-1975, editado pola Deputación de Lugo, é o primeiro froito deste esforzo, que verá a continuidade cunha próxima publicación na que abordará os autores posteriores a 1975.
A primeira parte do libro contén unha aproximación ao devir histórico da organización administrativa da comarca chairega, desde as xurisdiccións do Antigo Réxime e os concellos liberais decimonónicos, até o Plan de Comarcalización que a Xunta de Galiza puxo en marcha nos anos noventa. Analisa, asimesmo, os procesos de cambio poboacional rexistrados durante o século XX, e as migracións que foron transformando a estrutura de poboación na bisbarra.
A segunda parte é a que nos achega aos autores e as obras que, entre 1940 e 1975, trataron da Terra Cha como unidade, ou referíndose a algún dos seus concellos, parroquias ou lugares de xeito específico. O corte temporal elixido por Xenaro Pérez non é casual: responde tanto ao que o considera a toma de conciencia acerca do subdesenvolvemento que se produce en torno aos anos 50 do século XX tanto entre a intelectualidade galega como entre outras capas da poboación, como ao intenso proceso migratorio que se intensificou a partir dos anos sesenta e que, segundo o autor, sumiu nunha crise á poboación rural galega cuxas dinámicas aínda están a configurar o espazo tanto presente como futuro.
Forman parte da relación analisada os poetas Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé María Díaz Castro ou José Crecente Vega, con obras xa canónicas na tradición chairega, o fundacional Terra Cha de Manuel María, dous importantes textos inéditos do xeógrafo Río Barja, e outros autores como Vicente Otero Cao, Margarita Ledo Andión, Darío Xoán Cabana e Elías Valiña Sampedro, así como entidades como o antigo IRYDA ou a Diócese de Mondoñedo.
Entre as conclusións do traballo, o autor destaca como a literatura lírica cumpría importantes funcións na antiga sociedade rural que á fin se viu enfrontada con rápidos cambios culturais, que liga ao concepto de destradicionalización de Anthony Guiddens.
O libro remata cun epílogo en homenaxe ao falecido Bernardo García Cendán, compañeiro de estudos do autor no Seminario de Mondoñedo.
Cumpría un achegamento como este á literatura como testemuña e ao tempo conformadora dun innegábel ethos chairego. Algúns dos autores reseñados puxeron en valor unha unidade xeográfica e humana esquecida nas sucesivas organizacións administrativias, ao tempo que axudaban a fixar no imaginario colectivo o ser chairego. Manuel María, no seu Terra Cha, deixounos quizais a mellor definición dunha comarca inmersa na crise do medio rural, no cambio de era que, se cadra, aínda non rematou:
A Terra Cha somentes é:
un povo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.
Pérez López, Xenaro.
A Chaira vista polos chairegos.
Unha bibliografía da Terra Cha. 1940-1975
Lugo. Deputación Provincial, 2013
0 comentários :
Danos a túa opinión