Publicidade enganosa

Modesto Renda Santiso.-

A operación está en marcha. En torno a unha carta aberta subscrita polos flamantes compañeiros de viaxe do PSOE co ex xuíz Baltasar Garzón á fronte, o aparato económico-mediático capitaneado polo grupo pinza, quero dicir Prisa, púxose mans á obra facendo unha chamada velada ao "voto útil". "A unión da esquerda", "A casa común da esquerda", e o "Todos xuntos contra o PP", non responden unicamente , como se podería pensar, á enésima campaña de marketing , nin ao eco do canto deseperado das miles de clientelas políticas que ven perigar as súas poltronas.

Sabe a banca amiga, a gran patronal e os medios afíns que se cae Ferraz o réxime estará ferido de morte e penderá dun fío a súa propia existencia. Unha debacle que suporía a quebra do bipartidismo dinástico gobernante, e con el, o punto e final do suculento turnismo que dende a transición pilotou a "democracia" co único fin de manter o statu quo contra vento e marea.

Situámonos ante unha estratexia dentro do sistema, e polo tanto controlada por el, para dar resposta á posibilidade de que o bloque de poder se quede sen o seu instrumento fundamental. Unha sorte de "pseudo esquerda" perfectamente domesticada, que sen vontade ningunha de poñer en cuestión os designios do capital sexa capaz de recrear ilusións electorais de cambio; e só partindo dunha caracterización das forzas políticas baseada no papel que estas xogan nas relacións de clase, fuxindo das "conclusións lóxicas" que se desprenderían do lugar que, comunmente e polos medios, a estas se lles asigna no clásico abano entre a dereita e a esquerda, estaremos en disposición de aproveitar as gretas que se abran e contribuír a desactivar falsos ilusionismos acerca de alternativas supostamente de máis esquerda ante a "dereita de sempre"
Con todo, o primeiro que debemos ter en conta é que PSOE e PP non son iguais. Dende o punto de vista histórico do poder económico no Estado Español, os primeiros resultaron moito máis eficaces á hora de aplicar a política de desregularización laboral e de "liberalización" da economía que, tras o período franquista, o capitalismo de Estado requiría para a súa integración nos circuítos internacionais e máis especialmente no bloque imperialista da Unión Europea, debido, entre outras razóns, á falta de marxe ideolóxica pola súa orixe de todo o que logo culminou no PP e que invalidaba a toda esa dereita de cara a afrontar as protestas que xurdiran entre uns traballadores aos que había que someter nun novo marco laboral e que desfavorablemente para o capital e o seu estado, estaban fortemente organizados dende os anos da Transición.
A súa acción no goberno permitiu organizar e fortalecer a unha oligarquía española á que lle comezaba a resultar asfixiante o autárquico réxime franquista, coa privatización entre outras de Telefónica, Iberdrola, Gas Natural, Repsol, Iberia, Unión Fenosa e Mapfre, así coma o apoio á concentración de capital financeiro español (BBVA, Banco de Santander) para máis tarde convertese en intermediarios dos negocios destas compañías en América Latina, contribuíndo deste xeito á "modernización", e dicir, saqueo, dese continente durante os anos noventa.

Plans de emprego xuvenil que introducían o contrato lixo entre os mozos, ETTs coas que extraer aínda máis plusvalías da forza de traballo, liberalización do chan e a vivenda, reformas laborais que remataron de precarizar o emprego ou o famoso "medicamentazo" que eliminaba certas subvencións a medicamentos, ao tempo que as mobilizacións dos traballadores eran aplacadas pola vía da represión das forzas policiais e nas comisarías se torturaba cos mesmos métodos e verdugos do franquismo.

Tampouco se quedaron atrás os servizos prestados ao monopolismo europeo coa reconversión industrial que ,nos anos oitenta, veu a desmantelar boa parte da industria siderúrxica, a minaría do carbón, a construción naval e outros, como a industria química, o téxtil, os bens de equipo e os contratistas de defensa co obxectivo de adaptalas á nova división internaional do traballo eliminando así calquera atisbo de competencia ao capital alemán e que supuxo a perda de centos de miles de postos de traballo en todo o país.

Se a lle isto sumamos que tampouco ían ser, dende logo, os herdeiros directos do Caudillo os que mellor aguantasen as tendencias centrífugas de vascos e cataláns ante a mínima crise máis ou menos seria que afectara ao Estado español, non é difícil comprender que ata os mesmos intereses dos Borbóns, tanto económicos coma de supervivencia, encontrasen no PSOE ao seu mellor aliado.

A prol dun interclasismo acorde coa súa nova identidade "atrápalo todo", asumiron xa non a consecución dun socialismo democrático, senón a dun capitalismo de cor rosa, repensado dende a súa cociña ideolóxica como unha nova Arcadia, na que o rico e o pobre, o explotador e o explotado, o banqueiro e o "currante" de salario mínimo unirán as súas mans alegres e felices festexando o triufo da harmonía e a fraternidade perpetuas. Tres décadas de bucle bipartidista, nas que, utilizando dun xeito interesado o feito de que a nosa realidade transcurre nuha sociedade post-industrial na que a clase traballadora aparece fragmentada, dividida e sometida non poucas veces a conflitos internos en tanto que clase ,puxo énfase en convencernos de que todos formamos parte dese concepto etéreo que oculta as profundas contradicións que se derivan das relacións de producción chamado "clase media"; e agora, coincidindo coa perda do poder político, propón como solución á crise a volta a unha especie de paraíso perdido de "benestar" que sobre a base da primacía da aceptación da competitividade como instrumento supremo para xerar riqueza e crear postos de traballo xa non é posible en tanto que a globalización determina que, se non cambiamos de raíz as relacións de poder, a lei de ferro da competencia impoñeranos as mesmas condicións laborais e sociais de escravitude que rexen nos países aos que deslocalizan as empresas e a guerra para o saqueo das súas materias primas.

A aplicación da LOU-Bolonia, facendo caso omiso ás masivas manifestacións, encerros e protestas estudantís que se alzaban contra esta medida que converte a educación universitaria nun privilexio para quen poida pagala; a reforma do artigo 135 da Constitución, pactada con nocturnidade e aleivosía co PP, e que lonxe de tratarse dunha simple ferramenta técnica para garantir o equilibrio presupostario constitúe unha arma ideolóxica co máximo rango xurídico para poder xustificar os recortes na protección social das clases populares e afondar na vulnerabilidade da clase asalariada; a posta en marcha da doble rede educativa que permitía a creación de colexios concertados financiados polas arcas públicas, comezando o proceso privatizador que agora resulta en que a diminución do presuposto en educación fai que as partidas se destinen a estes colexios pechando os públicos; a súa alianza para aprobar a Lei 15/97 de Novas Formas de Xestión que dá cobertura legal ao desmantelamento da sanidade pública actual; ou a negativa a aprobar unhas medidas de mínimos que a plataforma de afectados pola hipoteca leva esixindo dende fai catro anos, cun PSOE no Goberno, poñen de manifesto que a solución non reside unicamente en "parar a dereita", un maniqueismo estúpido que impide ver a dimensión real do problema, que non é outro que a opción do PP e do PSOE (e de CiU e PNV en Cataluña e País Vasco) de apostar polo modelo económico que impoñía o Tratado de Maastricht, onde se deseñaba unha Europa na que os estados membros e as súas institucións deberán someterse á rixidez dos dogmas neoliberais, e na que os grandes emporios económicos transnacionais son os que ditan a política que teñen que seguir os representantes electos da vontade popular.

Non hai terceiras vías. A contradición fundamental aparece descarnada. Fronte a ela só cabe a acumulación de forzas para formular a cuestión central da disputa do poder político, mostrando con claridade que o esencial non é que partido político goberna, senón que clase ten o poder. Construír da man do pobo unha realidade onde os intereses colectivos da clase traballadora sexan hexemónicos por enriba da lóxica insaciable do capital. En definitiva, retomar o fío do proxecto histórico que a Transición pretendeu truncar para sempre: a emancipación de clase e os dereitos nacionais dos pobos.

20 de nov. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión