PuntoGal, premio "Galicia Enteira"

Redacción.- A Asociación PuntoGal recibiu onte á noite en A Estrada (Pontevedra) o premio San Martiño Galicia Enteira, en recoñecemento ao seu labor ao longo de máis de sete anos para conseguir o dominio .gal para a lingua e a cultura galega. Desde a xunta directiva da entidade facilitáronnos a intervención do seu presidente, Manuel González, no devandito acto. O Consello de Redacción de A Voz de Vilalba decidiu reproducir parcialmente as súas palabras, tendo en conta a importancia deste fito histórico que contribúe á mellora do posicionamento de Galicia no resto do mundo.

“Quero agradecer á agrupación O Brado, aos membros do xurado e a quen nos propuxo que pensasen en Puntogal para o Premio Galicia enteira, dentro dos Premios San Martiño que desde hai anos veñen sendo unha referencia importante dentro do mundo cultural galego.

Por fin, queridos amigos, o soño converteuse en realidade. Un soño polo que comezaba a traballar a Asociación PuntoGal o ano 2006, co apoio decidido naquel momento do goberno presidido por D. Emilio Pérez Touriño e posteriormente do presidido por D. Alberto Núñez Feijoo. Desde o primeiro momento esforzámonos en que PuntoGal fose unha inicitiva integradora, na que tivesen cabida todas as ideoloxías, todas as sensibilidades.

Co apoio de todas as forzas políticas, fomos quen de concitar ao redor dun obxectivo claro, preciso e ilusionante axentes tan dispares como as grandes institucións culturais (encabezadas pola Real Academia Galega, onde ten a sede oficial a asociación), as tres Universidades de Galicia, o mundo editorial galego, as asociacións e colexios profesionais do ámbito da informática e das telecomunicacións, o mundo do xornalismo e medios de comunicación, o mundo do dereito, o Eixo Atlántico, o mundo da empresa, o conglomerado do asociacionismo cultural de Galicia. En total, máis de 120 entidades, que procuramos que fosen as máis representativas dos diversos sectores. Todos xuntos, todos xuntos coa única meta da promoción da lingua, da cultura e dos valores de Galicia en Internet, a través da consecución dun dominio, dun carné de identidade que nos identifique en todo o mundo.

Un dominio .gal para os galegos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, pero tamén para os cidadáns das zonas estremeiras da nosa comunidade que teñen como lingua natural o galego, e dunha maneira moi especial para os galegos da emigración, para os galegos da diáspora, e por iso lle concedemos tanta importancia á participación de Centros Galegos, das Casas de Galicia, dos Centros de Estudos Galegos das Universidades ou das Agrupacións de empresarios galegos en distintos países do mundo.

Traballamos con teimosía para explicarlle á ICANN as razóns polas que consideramos que nos corresponde un dominio deste tipo. Fixémoslle saber que:

a) A galeguidade está constituída por unha comunidade con forte presenza en moitos países do mundo, e os galegos da diáspora teñen dereito a utilizar unha marca que os identifique como pertencentes a e esta comunidade, residan en México, na Arxentina, no Brasil, en Alemaña ou en Inglaterra.
b) Posuímos unha lingua propia, na que se expresa unha parte importante da poboación de Galicia, e que goza do estatus de lingua oficial en Galicia.
c) A lingua galega foi vehículo de expresión dunha cultura milenaria, que contou cunha  das literaturas máis importantes da Idade Media, e foi utilizada por trobadores non só do territorio de Galicia, senón de diversos espazos da Península Ibérica e mesmo de máis aló dos Pirineos. Cultura milenaria que se manifesta tamén na etnografía, nas institucións xurídicas propias, nunha maneira particular de ver o mundo. Cultura milenaria que como todas as culturas se transforma, e que quere seguir sendo dinámica e creativa desde a propia identidade.
d) O galego ten unha considerable presenza na rede, pero necesita a visibilidade que lle pode dar un dominio lingüístico.

Despois dun traballo arduo e dunha longa espera, por veces, poden crerme, mesmo desesperante, chegou por fin o momento en que a ICANN abriu a convocatoria para a solicitude de novos dominios. Desde aquela estabamos espectantes, preocupados polo resultado, pero estabamos ao mesmo tempo serenos e moi esperanzados, porque a nosa candidatura era sólida, non había ningún grupo minimamente relevante que se opuxese a ela, non era unha candidatura conflitiva, e sobre todo contaba cuns informes técnicos solventes: tanto o estudo sobre a necesidade do dominio, coma o da súa viabilidade económica e sobre todo o do seu funcionamento técnico son dun rigor e dunha seriedade incontestables
.
O día 14 do pasado mes de xuño a ICANN deu luz verde para que a lingua e a cultura galegas poidan ter un dominio propio en Internet, e este venres pasado eu mesmo asinei con este organismo o contrato de delegación do dominio. Cada vez que calquera usuario en calquera lugar do mundo abra un enderezo .gal estará recibindo a información de que existe unha lingua galega, existe unha cultura galega, existe un país que se chama Galicia".

15 de nov. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión