Ciclo de cine euroárabe Amal en Vilalba

Redacción.-

Os días 26, 29 e 30 deste mes terá lugar un CICLO DE CINE organizado polas xuventudes socialistas de Vilalba. Todas as proxeccións terán lugar ás 20:30 horas no salón de actos do Instituto Santiago Basanta Silva con entrada totalmente GRATUITA.

Proxectaranse neses días tres filmes do Festival de Cine Euroárabe Amal, organizado pola Fundación Araguaney. A súa prioridade fundamental é promover o intercambio cultural entre España, América Latina e o Mundo árabe, cunha clara vocación universal. Despois de dez anos celebrando este festival, conta cunha das máis extensas videotecas de cine de orixe e temática árabe.

Xa que logo, dende o ano 2003, Amal ofrece a espectadores e espectadoras de todas as idades a posibilidade de acceder a un cine que non chega ós circuítos comerciais pola falta de distribución, fomentando deste xeito unha inmersión integral na cultura árabe, tan próxima e afastada ao mesmo tempo.
Nós tamen queremos contribuir a difuminar esa liña que separa culturas e incluso as xerarquiza, gustaríanos que as iniciativas con menos recursos tamén foran valoradas, e consideramos que con este ciclo de cine os vilalbeses e todos aqueles que queiran vir poderemos coñecer a través da pantalla unha cultura distinta.

  • Onte xoves 26 proxectouse “Rabat”: Nadir, Abdel e Zakaria son tres amigos que poñen rumbo a Marrocos desde Holanda para cumprir cun favor aparentemente sinxelo: entregar o taxi do pai de Nadir ao home que o mercou. Durante o camiño vivirán situacións inesperadas e encontros con persoas que marcarán as súas decisións. Rabat non só fala da amizade dos tres mozos, senón tamén do conflito entre os valores de modernidade e tradición que vive a poboación inmigrante nas sociedades occidentais.
  • O domingo 29, “Le thé ou l´electricité”: é a historia da modernización dunha pequena vila illada no corazón do Alto Atlas marroquí. No proceso enfróntanse dúas visións de futuro: mentres uns pensan que o progreso pasa pola construción dunha estrada, outros apostan pola chegada da electricidade. Pronto se decatan do complicado que resultará chegar a un acordo.
  • Finalmente, o luns 30, “Bromas aparte”: Convencida de que o humor non ten fronteiras, unha realizadora lánzase, nun periplo nada habitual, en busca do humor en Cisxordania. Chistes, comentarios políticos burlóns e anécdotas do cotián, somérxena nun dos conflitos máis complexos da actualidade, onde ademais de controis e barreiras, tamén existe un espazo para as brincadeiras.

27 de dec. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión